marea de vigo discrepa da intención do concello de que os prazos de aprobación do #pxom transcorran durante o período de confinamento.

21 de Abril de 2020

Marea de Vigo discrepa da intención do concello de que os prazos de aprobación do #PXOM transcorran durante o período de confinamento.

Marea de Vigo rexistrará esta semana unha moción instando a que se equipare o período administrativo do PXOM á realidade da situación actual.

Vigo, 21-04-2020. Rubén Pérez trasladou hoxe na Xerencia de Urbanismo a “profunda inquedanza e discrepancia” ao escoitar que se pretende que, toda vez que foi remitido o borrador do PXOM e o documento incial estratéxico á Xunta, se continúe co proceso administrativo con normalidade.

Marea de Vigo lembra que de ser así, en tan só un mes a Xunta de Galicia resolverá o alcance do documento de Avaliación Ambiental Estratéxica (que nesta ocasión ten que ser ordinaria ao ter sido o motivo de anulación do PXOM de 2008 tentar meter “a calzador” a avaliación ambiental simplificada) e as administracións ou persoas interesadas terán soamente dous meses para presentar suxestións, “que, curiosamente, de seguir co procedemento normal obviando o confinamento, coincidirá cos meses de verán” matiza o voceiro municipal.

Marea de Vigo considera que a documentación enviada á Xunta é esencialmente o “espírito do PXOM” e que, “aínda que poidan darse cambios durante os procesos de tramitación o que emana estes documentos iniciais, e dicir: previsións de poboación, vivenda necesaria, clasificacións do solo, etc… é demasiado determinante como para pretender aprobalo coa poboación confinada e coas adminitrascións baixo mínimos” afirma Ruben Pérez.

O propio documento recoñece que “A Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE) é un instrumento de prevención para integrar os aspectos ambientais na toma de decisións de plans e programas públicos que poidan ter efectos significativos sobre o medio ambiente, ben directamente a través das súas propias determinacións, ben porque establezan o marco para a futura autorización de proxectos legalmente sometidos a avaliación de impacto ambiental” e continúa que “sendo así que a revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbanística de Vigo de 1993 someterase ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria co fin de facilitar a incorporación dos criterios de sostibilidade na toma das decisións estratéxicas, garantíndose unha adecuada prevención dos impactos ambientais que se podan xerar, ao tempo que se establezan mecanismos eficaces para a súa corrección ou compensación.”

Marea de Vigo tamén quere incidir en que “un dos actores máis importantes na aprobación do planeamento como é o movemento veciñal, atópase tamén confinado, polo que o seu funcionamento e debate colectivo do que sempre fixo gala nesta cidade para abordar alegacións e suxestións atópase tamén confinado e sen poder facer asembleas abertas veciñais para decidilo”. O movemento veciñal ten que aprobar en asembleas abertas as súas propostas. O modelo que plantexan para os seus barrios non depende de presidentes nin de xuntas directivas.