marea de vigo discrepa do informe dos técnicos municipais e pide que o concello adquira os terreos da etea.
Por Marea de Vigo

Marea de vigo discrepa do informe dos técnicos municipais e pide que o Concello adquira os terreos da ETEA.
Rubén Pérez: “A sentenza permite que co pago de once millóns o Concello sexa dono e única administración actuante nos mesmos”.
O Grupo municipal da Marea de Vigo considera necesaria a compra para que “deixen de operar convenios entre administracións que levan lustros incumpríndose”.
Vigo, 05-09-2022. Coñecida a sentenza que obriga á devolución dos terreos da antiga ETEA á Zona Franca, ou a adquisición dos mesmos, Marea de Vigo anuncia que defenderá a compra dos terreos por parte do Concello no vindeiro Pleno, no que se debatirá este asunto no primeiro punto da orde do día.
“Este culebrón entre tres administracións gobernadas en teoría por persoas maduras, que levan anos mareando á veciñanza ten que ter unha finalización” afirma Rubén Pérez. Para a Marea de Vigo, os convenios asinados ata agora eran “auténticos disparates” e, “na maioría das ocasións, os acordos contidos nos mesmos non se cumpriron” engade. O voceiro incide en que un dos motivos principais desta deixación foi que estes convenios “sempre estiveron supeditados aos cambios políticos nas institucións das que dependen as administracións asinantes”.
O informe que emite o Concello de Vigo pretende volver á mesma situación de sinatura dun novo convenio coa Zona Franca a través do pago dun canon cando o que debería facer o Concello, tendo ademais recursos económicos suficientes – previsiblemente deixará máis de cen millóns de euros do orzamento deste ano sen executar – é comprar eses terreos de xeito inmediato pagando os once millóns de euros que figuran na sentenza.
Para Marea de Vigo, o informe de intervención que defende o novo convenio resulta “cando menos discutible”, xa que, segundo apunta Rubén Pérez, “en ningún momento se entra a valorar a capacidade financieira para a adquisición dos devanditos terreos”.
Trátase dun espectáculo bochornoso entre administracións que so amosa que non se é capaz de chegar a acordos polo beneficio da cidadanía e en concreto da veciñanza de Teis e por iso Marea de Vigo verbalizará no Pleno a necesidade de acatar a sentenza no sentido de pagar eses once millóns de euros para a adquisición dos terreos. ”Prezo inferior a, por exemplo, o ascensor proposto para a estación intermodal, que só vén amosar o ridículo que é non facerse cos terreos” conclúe o voceiro.