marea de vigo emenda a modificación do regulamento orgánico do pleno proposta polo goberno de abel caballero.

9 de Febreiro de 2021

Marea de Vigo emenda a modificación do Regulamento Orgánico do Pleno proposta polo Goberno de Abel Caballero.

Oriana Méndez: “Tras a chegada da Marea de Vigo ao Concello no ano 2015, o Goberno local vigués levou a cabo a maior modificación do Regulamento plenario realizada en democracia, co obxectivo claro de quitarlle á oposición a capacidade fiscalizadora. Agora o Goberno pretende estrangular aínda máis á oposición”

Vigo, 09-02-2021. Naquela altura, Marea de Vigo conseguiu que non se eliminaran algúns elementos fundamentais como a posibilidade de presentar emendas á totalidade nos proxectos orzamentarios, ou a Comisión de Seguimento da Contratación Pública, “moi a pesar de que, na realidade, o Goberno non convoca esta Comisión, incumprindo o Regulamento e, tal e como reflicte a realidade , xerando un dos espazos máis opacos do Goberno de Abel Caballero” matiza a concelleira.

A maior parte das modificacions feitas polo Goberno no ano 2016 redundaron na perda de democracia no Pleno do Concello. “Agora presentamos dezaseis emendas nas que reiteramos as demandas da Marea de Vigo no ano 2016, como a existencia do escano cidadá, ou a capacidade de formar grupo municipal con dous edís, e incorporamos máis cuestións relativas á transparencia e democracia, como o que para nós é unha obviedade: O Goberno local non debe poder reservarse preguntas e rogos para sí mesmo que, ademais de que non chega a formular, resultan ridículos e non fan máis que impedir que a oposición poida facer esa labor fiscalizadora que lle corresponde” expresa Oriana Méndez.

Outra eiva do Goberno local actual, que, segundo Oriana Méndez debe ser corrixida é “a reincorporación dos criterios de obrigatoriedade como que as mocións pasen previamente polas Comisións informativas e que estean presentadas cando se produza a Xuntanza de Voceiros/as previa ao Pleno, algo actualmente incumprido sistemáticamente polo Grupo municipal do PsdG-PSOE”.

Marea de Vigo pretende manifestar desta volta o seu rexeitamento a reducir aspectos democráticos en vez de amplialos cando se propón unha modificación regulamentaria. “Subliñábamos que calquera modificación substancial de algo tan importante como un Regulamento orgánico non é algo esencialmente negativo, xa que entendemos a institución municipal como algo vivo e que vai decorrendo conxuntamente coa sociedade na que convive” sinala Oriana Méndez. “Baixo esta óptica, polo tanto, as normas que rexen o seu funcionamento teñen que adaptarse ao tempo social actual, que xa o propio informe introdutorio a este proxecto de Regulamento o argumenta ao dicir que a credibilidade cidadá nas institucións ten minorado” conclúe a concelleira.

🗂 Documento de emendas 👉🏽 http://www.mareadevigonoconcello.gal/?p=2661