marea de vigo empraza ao goberno local a buscar unha alternativa real para o local da favec mentres duren as obras na praza da princesa.

12 de Abril de 2021

Marea de vigo empraza ao Goberno local a buscar unha alternativa real e adaptada ás necesidades da Federación Veciñal Eduardo Chao mentres duren as obras na Praza da Princesa.

Rubén Pérez: “A Concellería de Participación Cidadá puxo enriba da mesa unha proposta que sabían que ía ser inaceptable para a FAVEC, co obxectivo de pasar a pelota ao tellado da propia Federación, acusándoa de negarse a aceptar o ofrecido polo Concello”.

Vigo, 12-04-2021. O movemento veciñal ten sido en Vigo unha das referencias democráticas da cidade, sendo gran parte das súas demandas unha parte imporatnte dos programas electorais dos diferentes partidos politicos. A FAVEC, Federación onde se agrupan máis de 30 asociacións de veciños e veciñas “sempre contou co respecto dos diferentes Gobernos municipais que pasaron polo noso Concello, respecto que se foi fraguando a traves de acordos, convenios, así como a través da cesión dun local na Praza da Princesa” sinala Rubén Pérez. “Ata agora, existía unha interlocución entre o Concello e o movemento veciñal que se daba de xeito natural e sen ningún tipo de imposición” engade.

Con motivo das obras na UBA da Praza da Princesa, o Concello lle notifica á FAVEC que ten que abandonar o local que ocupa na mesmo edificio, mais este non da ningun tipo de alternativa para os 13 meses que , segundo as previsións, durarán as obras, “o que garantiría cumprir un convenio entre Concello e Federación que ten unha proxección de alo menos ata o 2025” matiza o voceiro.

Tras semanas demandando información e respostas por parte tanto da FAVEC como a través de preguntas nas Comisións informativas e no propio Pleno desde o Grupo municipal da Marea de Vigo, o goberno local, a través da Concellería de Participación Cidadá, lle traslada á FAVEC a opción de uso de un local que, segundo detalla Rubén Pérez, “a todas luces non é habil nin para as actividades administrativas da Federación e menos aínda para poder celebrar ningún tipo de xuntanza veciñal, ou dar a correcta atención á veciñanza, tal e como se viña facendo na FAVEC”. “Nese local – engade – non se poden levar a cabo as medidas de seguridade sanitaria que se requiren na actualidade, só puidendo estar, como máximo, duas persoas á vez, o que impediría, por exemplo, as xuntanzas da propia directiva da Federación no devandito local”.

“Pedimos respecto por parte do Goberno local á Federación veciñal, respecto que neste caso debe darse a través da procura dun local en condicións que garanta a continuidade da actividade da Federación Veciñal Eduardo Chao tal e como ten sido ata o día de hoxe” conclúe o voceiro municipal.