marea de vigo empraza ao goberno local a repensar o número de vivendas proxectadas e clarificar o solo urbanizable para o novo pxom.

24 de Setembro de 2020

Marea de Vigo empraza ao Goberno local a repensar o número de vivendas proxectadas e clarificar o solo urbanizable para o novo PXOM.

Rubén Pérez: “Tal e como reflicte o documento de Avaliación Ambiental Estratéxica remitido pola Xunta, non existe argumentación algunha que xustifique a reserva de solo urbanizable actualmente cualificado como rústico nin de solo industrial onde actualmente viven veciños e veciñas cando existe xa solo industrial ocioso”.

Vigo, 24-09-2020. Rubén Pérez ofreceu esta mañá unha rolda de prensa na que trasladou a valoración da Marea de Vigo sobre o documento de AAE remitido pola Consellería de Medioambiente Territorio e Vivenda ao Concello de Vigo. O voceiro do Grupo municipal destacou duas cuestións contidas no documento: a reserva de solo urbanizable para vivenda e a ampliación de solo industrial existindo xa solo ocioso na actualidade, “cuestións que coinciden coas suxestións que se lle enviaron á Xunta por parte da Marea de Vigo no mes de agosto” matizou.

“A dimensión de vivenda necesaria é absolutamente desproporcionada – sinalou Rubén Pérez- . O horizonte de 50.000 vivendas non é acorde co que se ten construido entre o 2000 e 2011 nin coas previsións demográficas de futuro”. “O Concello terá que modificar o documento e xustificar os nucleos de solo urbanizable que figuran no borrador do PXOM, xa que, gran parte do solo urbanizable proxectado está condicionado sobre solo rústico de especial protección” engadiu.

Para a Marea de Vigo, “non ten sentido ocupar solo rústico e reservar tanto solo urbanizable ou avanzar cara as zonas de especial protección como a zona de protección natural do Lagares sen ningún tipo de argumentación, e sen corresponderse coa realidade en canto a necesidadae de vivenda”.

En cando ao solo industrial, Pérez apelou ao propio borrador do Plan, xa que “este recoñece xa que existe solo industrial ocioso (coma o caso de Álvarez), polo que non ten sentido contemplar a ampliación de, por exemplo, o polígono industrial da Pasaxe cara a zonas onde actualmente hai vivendas habitadas”. Con respecto a esta ampliación, Rubén Pérez resaltou que “no Plan Director de de Áreas Empresariais de Galicia non figura. Non se pode 65 casas na parroquia de Valadares para ampliar ese polígono cando existen outras opcións”.

“Queda saber cal vai ser a resposta a este documento de alcance – explicou o voceiro-. O concello de Vigo debe modificar substancialmente estas dúas cuestións, e así o emprazaremos a facelo o vindeiro martes na xuntanza da Xerencia de Urbanismo”.

Alen disto, Rubén Pérez tamén valorou a sentenza que anula o proceso de desenvolvemento da Área Metropolitana coñecido na tarde de onte. “Froito de usos partidistas por parte do PSOE e do PP, xudicializouse un instrumento que tiña que ter sido o futuro da cidade”. O voceiro emprazou s ás institucións locais da área e á Xunta a resolvelo así como a ”construír consensos como eixo fundamental para o seu desenvolvemento”. “Ante as prórrogas ás concesionarias de servizos como a auga ou o transporte, resulta esencial para a nosa cidade o bo desenvolvemento da Área” concluíu o voceiro.