marea de vigo en apoio ao persoal do hospital álvaro cunqueiro.

4 de Maio de 2018

Marea de Vigo apoia ao persoal do SERGAS e da concesionaria de limpeza no conflito pola recollida da roupa no H. Álvaro Cunqueiro e fai responsable do mesmo á Xerencia da Área Sanitaria, encabezada por Felix Rubial.

Marga L. Barreiro: “Esta situación non é máis que outra consecuencia do modelo de explotación do hospital, que deixou ao SERGAS en mans dunha concesionaria”.

Este conflito, cuxas consecuencias estanse vivindo nos últimos días, podería terse evitado, cando, xa hai máis dun ano, a representación do persoal de limpeza alertaba da situación e trataba de solucionar coa empresa de limpeza, a concesionaria e co propio SERGAS o que hoxe xa se converteu nun problema sanitario ao contar agora cunha resolución do AGA. ”Houbo marxe suficiente para evitar o que está sucedendo, mais non houbo vontade de solución por parte dos responsables, recaendo as consecuencias sobre o persoal e sobre as e os pacientes, podendo xerar ademais enfrontamentos entre categorías e entre persoal de concesionarias e do propio SERGAS” engade Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.

Para a Marea de Vigo, esta nova situación, ao igual que o resto dos conflitos que se deron no Hospital Álvaro Cunqueiro, débese única e exclusivamente o modelo de xestión privada do mesmo, polo que a responsabilidade deses conflitos é tamén unicamente de quen fomentou, executou e permitiu ese modelo de xestión privada, no que unha serie de empresas están tratando de sacar o maior rendemento económico a costa das traballadoras e traballadores e da calidade sanitaria.

Marea de Vigo considera ademais que “as ameazas de sanción que a través de cartas asinadas polo Xerente da área sanitaria, Felix Rubial, se están a entregar ao persoal do SERGAS por non asumir o traballo que facía ata o de agora a empresa concesionaria amosan un gran cinismo e unha falta total de profesionalidade por parte de quen, en lugar de tratar de solucionar o problema, o pretende omitir depositando a responsabilidade no persoal.” matiza Marga L. Barreiro.

Marea de Vigo apoiará todas as accións que colectivamente decida levar a cabo o persoal afectado por este conflito e, tanto á Xerencia da Área Sanitaria, como á Consellería de Sanidade e á propia Xunta, pídelle seriedade e a asunción de todas as responsabilidades xeradas desta situación, que non son senón consecuencia das dinámicas empresariais establecidas ao decidir privatizar gran parte da xestión do Álvaro Cunqueiro.