marea de vigo en apoio á comunidade veciñal que reclama a instalación dun ascensor no seu inmoble.

2 de Maio de 2018

Marea de Vigo instará ao Pleno a retirar o título de vigués distinguido ao centro comercial coia 4 se a súa xerencia segue obstaculizando a instalación dun ascensor á veciñanza do inmoble ao que pertence o espazo, instalación motivada para dar servizo ás persoas maiores e dependentes que viven no edificio.

O grupo municipal da Marea de Vigo cualifica como “delirantes” as escusas dos responsables do centro comercial e considera que xa existen precedentes como a retirada da medalla da cidade a Gayoso ante feitos que se consideran como pouco merecentes de títulos por falla de solidariedade e empatía cidadá.

Vigo 02-05-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo mantivo unha xuntanza a semana pasada coa comunidade veciñal de dito inmoble da avenida de Castelao, xa que levan un tempo tentando que o centro comercial, situado nos baixos, permita a realización das catas para a colocación dun ascensor que dea servizo a varios veciños e veciñas maiores e con problemas de mobilidade, mesmo algúns/as con graos recoñecidos de discapacidade. “Este tipo de actitudes non son compatibles con ningunha clase de distinción nin mérito coma os premios Vigues/a Disginguido/a, galardón que se lle outorga ás persoas que, pola súa traxectoria e labor contribuíron ao desenvolvemento da cidade e a súa cidadanía.”

Na xuntanza da xerencia de urbanismo que terá lugar mañá xoves 3 de maio, o grupo municipal da Marea de Vigo pedirá explicacións sobre a situación administrativa do devandito centro comercial e das motivacións existentes para que non permita a colocación dun ascensor no inmoble superior, nun barrio onde se están a instalar nos últimos anos ascensores sen problema algún e mesmo con liñas de subvención pública autonómica e municipal sen problemas, contando ademais coas recentes reformas da lei de propiedade horizontal.

O Centro Comercial Coia 4 foi nomeado Vigués Distinguido neste 2018 polos seus 40 anos de existencia, mais, dados os feitos denunciados pola veciñanza, que incluso xa ten colocados carteis e faixas na fachada, a actitude do xerente non é merecedora de dita distinción, ao exercer comportamentos insolidarios como o que se está a denunciar, comportamentos que pouco axudan nun barrio con graves carencias dotacionais aínda a día de hoxe.

Marea de Vigo pide igualmente ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que dea resposta á xuntanza solicitada polos veciños e veciñas en xaneiro de 2017 e da que aínda non teñen resposta.