marea de vigo en apoio á folga feminista do 8 de marzo.

9 de Febreiro de 2018

MAREA DE VIGO APOIA A FOLGA FEMINISTA DO 8 DE MARZO E FAI UN CHAMAMENTO Á MOBILIZACIÓN.

Marga L. Barreiro: “Os efectos da desigualdade entre mulleres e homes tradúcense na súa máxima expresión nos máis de 1000 feminicidios nos últimos 14 anos no estado español, e no eido laboral, nunha precariedade que xera unha fenda salarial de máis do 20%”

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, ao igual que se fixo noutras cidadedo pais, rexistra unha moción en apoio á folga feminista convocada a nivel mundial para este 8 de marzo, así como en apoio a todas as mobilizacións, accións e xustas reivindicacións do movemento feminista.

As mulleres estamos fartas de todas as violencias machistas, as que provocan unha fenda salarial do 23%, as que nos abocan aos traballos máis precarios ao termos condenadas ao papel no que o patriarcado inxusta e historicamente nos ten colocado, as que provocan recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais, as que nos impiden ser libres e donas dos nosos corpos, e as que finalmente tamén nos matan. Este 8 de marzo as mulleres do mundo ímonos mobilizar indo á folga, imos parar en todos os espazos das nosas vidas. O 8 de marzo non coidamos, nin traballamos nin consumimos” expresa Marga L. Barreiro, concelleira do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo cualifica como moi positivo o apoio e convocatoria de folga levada a cabo por parte das centrais sindicais froito do impulso de multitude de organizacións feministas de todo o mundo, e fai un chamamento a todas as mulleres a secundar tanto a folga laboral como a de coidados e consumo, do mesmo xeito que a participar en todas as mobilizacións convocadas polo movemento feminista (en Vigo xa hai manifestacións convocadas o 4 e o 8 de marzo).

Para acabar coa discriminación entre mulleres e homes son necesarias políticas e accións concretas, máis aló das baleiras declaracións de intencións. Este ano as mulleres imos parar en todos os ámbitos das nosas vidas, para demostrar ao mundo que sen nós non se move, e porque querémonos en igualdade de dereitos e sobre todo, vivas” engade Marga L. Barreiro, concelleira da Marea de Vigo.