marea de vigo contra as violencias machistas

18 de Xuño de 2017

Marea de Vigo apoia a mobilización feminista convocada para mañá luns no MARCO, onde se pedirá a dotación orzamentaria necesaria para levar a cabo o pacto de estado contra a violencia de xénero.

O Grupo Municipal vén de rexistrar o pasado venres unha moción na que se reflicten unha serie de medidas dentro da loita contra o terrorismo machista e en prol da igualdade.

Ante a aprobación dos próximos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, as organizacións de mulleres veñen de convocar mobilizacións en todo o Estado para seguir denunciando que estes orzamentos reflicten a inacción contra o terrorismo machista por parte do estado, así como un nulo compromiso coa igualdade.

“A realidade das mulleres segue pintándose con altas taxas de paro, temporalidade e eventualidade, desigualdade salarial froito da feminización dos traballos historicamente vinculados aos coidados (en perfecta coherencia coa sociedade patriarcal), ao que se suma o inxente e atroz número de mulleres asasinadas, mulleres e en moitas ocasións as súas crianzas, feitos polos que, día tras día, faise máis necesario a adopción de medidas drásticas desde todas as institucións públicas. A violencia machista é, por tanto, a máxima expresión do patriarcado e o machismo, e como tal, require da máxima resposta.” explica Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

A violencia machista non entende de idade ou de clase social, tratándose dunha lacra que está afectando ás mulleres de xeito transversal, como transversais deben ser as medidas que se deben tomar para poñerlle freo. Desde a educación, o emprego, a sanidade, medios de comunicación, etc.… mais as medidas necesarias requiren dos medios precisos para levalas a cabo, polo que debe traducirse nunha dotación orzamentaria axeitada e acorde co Pacto de Estado que se pretende asinar.

Mañá luns, “unidas polo obxectivo común de manifestar un rotundo rexeitamento á pasividade criminal dos poderes públicos”, tal e como se reflicte no manifesto que será presentado, as organizacións feministas mobilizaranse en concentracións e actividades durante todo o día en todo o estado, que no caso de Vigo será no MARCO as 12:00 da mañá, mobilización secundada pola Marea de Vigo, e na que participará activamente Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, así como a Marea Feminista.

Na concentración esixirase unha partida orzamentaria axeitada para a loita contra a violencia machista e a favor da igualdade, canalizando deste xeito a rabia e a indignación provocada polo terrorismo machista ao redor dunha proposta concreta, colectiva e reivindicativa.

A partida orzamentaria, concrétase na cantidade de 120 millóns de euros, por ser os necesarios para poder levar adiante o Programa 232C Violencia de Xénero, dentro do marco do Pacto de Estado.

“Os minutos de silencio, discursos cheos de boas intencións e campañas virtuais non son as armas axeitadas para combater un mal que, no que vai de ano, acabou coa vida de máis de 40 mulleres en todo o territorio do estado; as organizacións feministas que levan anos deixándose a pel sen obter máis resposta contra os asasinatos que medidas baleiras de ferramentas eficaces, unha vez máis, únense, co obxectivo de conseguir que se dote dos fondos e recursos necesarios un Pacto de Estado que, de non ser así, non fará outra cousa que dar continuidade a esta situación, inasumible para as mulleres” asevera Marga L. Barreiro.

A concentración está convocada para mañá, posto que, será na mesma semana cando se discuta e aprobe o proxecto definitivo de Orzamentos Xerais para o ano 2017.

Por outra banda, e dentro do contexto da loita contra a violencia machista, a Marea de Vigo vén de rexistrar unha moción que contén unha serie de acordos sobre medidas para levar a cabo nas institucións públicas. Instase á Xunta e ao Goberno do Estado a adopción de ferramentas, como, por exemplo, en materia de formación do persoal que traballa coas vítimas, a incorporación na ESO da educación sobre igualdade entre homes e mulleres e contra a violencia de xénero, a promoción de modificacións no Código Penal ou mesmo a asunción da dotación orzamentaria suficiente no Pacto de Estado que estase a reclamar desde as organizacións feministas.

No eido municipal, os acordos propostos céntranse na mellora das condicións e as solucións inmediatas que deben recibir as mulleres vítimas de violencia, pídese a modificación do acceso ao Centro de Emerxencia, medidas que garantan o acceso á vivenda dun xeito estable e a posta en marcha de programas de reincorporación laboral desde o Concello adaptado ás necesidades e a realidade das mulleres vítimas de violencia.

“As solucións e reivindicacións para parar o terrorismo machista deben darse desde todos os eidos da sociedade, a través do movemento feminista e tamén a través das institucións, dende a máis afastada ate a máis próxima, como é o caso do Concello de Vigo”, explica Marga L. Barreiro.