marea de vigo esixe ampliar aos grupos da oposición o comité técnico que preparará a nova concesión de transporte público a partir de 2020.

29 de Outubro de 2018

Marea de Vigo esixe ampliar aos grupos da oposición o comité técnico que preparará a nova concesión de transporte público a partir de 2020.

Rubén Pérez: “Non concordamos coa proposta do comité técnico nin tampouco con que a lexítima representación institucional dos vigueses e viguesas expresada no Pleno non estea presente de ningún xeito, aínda que fora presencial e sen voto”.

Vigo. 29-10-2018. Marea de Vigo afirma que, tendo un compromiso colectivo sobre a apertura do transporte público de Vigo á súa definición metropolitana, o debate técnico debe conter tamén proposta sobre o modelo de xestión de transporte da Área Metropolitana, posto que é na vindeira lexislatura onde remata a actual concesión a VITRASA, facendo deste un bo momento para que no prego de condicións da nova concesión se blinde a obrigatoriedade da participación do transporte público vigués nos modelos de transporte metropolitano público. “Co comité técnico ábrense debates e cuestións sobre o transporte público en Vigo, que leva 25 anos subscrito a un prego concesional completamente desfasado e con modificacións en canto a condicións do contrato subscritas por decisións políticas durante estes anos” engade Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo engade ademais que “o modo no que se fai pode significar unha irregularidade manifesta, xa que o comité técnico está composto por algúns técnicos municipais con atribucións temporais en xefaturas que se atopan cubertas de xeito irregular e xa excedidas no tempo de ocupación temporal que marca a lexislación, feito este que se atopa en situación xudicial tras a denuncia da Marea de Vigo. Estas xefaturas, que van decidir mesmo se ampliar a concesión de transporte público, ou tomar decisións en materia de contratación pública tan determinante e con importes económicos pendentes de amortizar (instalacións, vehículos, inversión… etc…) para nós non é o comité técnico que debería abordar este asunto, pola falta de pluralidade en xeral, e en particular neste asunto, pola formación, carreira profesional, e obviamente, pola dubidosa legalidade que impulsou a nosa denuncia”.

Marea de Vigo considera que “o feito de que o comité técnico, tal e como figura no prego, ten que comezar os traballos para configurar a toma de decisión una vez finalice o contrato de transporte colectivo de viaxeiros o 8 de xuño de 2020 non é un tema menor para que, dende o principio, a oposición e o conxunto da veciñanza mediante mecanismos transparentes: Consellos municipais, información pública das actas da mesa, etc…) non estean presentes nos devanditos traballos” afirma Rubén Pérez.

A proposta de comité estudará tamén os efectos do cumprimento dos prazos e aspectos da concesión sen que existan auditorías externas que figuran como obrigatorias no prego. “Existen aspectos como as amortizacións pendentes de investimentos, terreo e parque móbil que poden mesmo condicionar posibles ampliacións concesionais – o que, segundo afirma o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez – sería contradicir o que o grupo municipal do PSdG-PSOE expresou no Pleno onde recoñeceu que non se prorrogaría a VITRASA e abriríase un novo prego concesional”.

O grupo municipal da Marea de Vigo seguirá defendendo un modelo análogo ao da Área Metropolitana de Barcelona, no que existiría un Consorcio público participado ao 51% pola Xunta, o 25% polo Concello de Vigo e un 24% polo resto dos concellos da Área Metropolitana. Isto solucionaría os problemas de financiamento do servizo xa que a maior parte do financiamento sería autonómica dacordo con esa participación maioritaria no consorcio.