marea de vigo esixe ao concello que medie ante abanca para evitar o peche de oficinas bancarias no rural vigués como en sárdoma.

10 de Xuño de 2021

Marea de Vigo esixe ao Concello que medie ante abanca para evitar o peche de oficinas bancarias no rural vigués como en Sárdoma.

 

Oriana Méndez: “O volume de negocio e beneficios da entidade rescatada con recursos públicos é tal que permite perfectamente manter unha rede operativa como a actual, especialmente en parroquias nas que existe unha gran cantidade de persoas pensionistas e mesmo polígonos industriais como é o caso de Sárdoma, donde a oficina viña desempeñando actividade dende mediados dos anos 70”.

 

Marea de Vigo lamenta a non existencia dun Sistema de Banca Pública a partir dos bancos intervidos creando unha rede de oficinas amplas con vocación de servizo público que se centre máis en dar un servizo próximo, eficaz e amable no canto das ganancias e os soldos dos altos cargos.

 

Vigo, 10-06-2021. A concelleira da Marea de Vigo, Oriana Méndez afirma que co peche da oficina de Sárdoma, “Vigo queda apenas con 40 oficinas para unha poboación de máis de 300.000 habitantes, co volume maioritario de clientes ao herdar a carteira da antiga caixa de aforros” polo que, segundo a concelleira, “ten que darse unha presión institucional sobre esta empresa para manter a rede operativa mínima de servizo. O peche da rede operativa no municipio está xerando, especialmente na periferia, unha fenda financeira evidente con maior impacto nas persoas maiores”.
“É un feito – apunta Oriana Méndez – que Abanca incumple o expresado apenas hai un mes na presentación do Plan de acción de Banca Responsable e Sostible, durante a cal se comprometeron a non realizar redución nin peches de oficinas ao considerar a rede actual como eficiente pese a ter xa un 72% de clientes dixitais”.

 

Segundo lembra Marea de Vigo, a entidade que deu orixe a Abanca foi rescatada con máis de 9.000 millóns de euros de cartos públicos “e, pese ao ano dificil pola pandemia COVID, a empresa obtivo no exercicio pasado máis de 160 millóns de euros de beneficios e máis de 400 no exercicio 2019, xusto os anos nos que a precarización laboral do cadro de persoal e o peche de oficinas comenzouse a cronificar” matiza Méndez.

 

Marea de Vigo insta ao Concello e ás AAVV das parroquias de Vigo “que lideren a defensa dunha rede bancaria accesible entendendo ademais que xa se rescatou a entidades privadas de crédito e a caixas de aforro co diñeiro dos/as contribuíntes (máis de 46.000 millóns de euros, máis o importe de avais e subvencións) e este rescate ten que obrigarlles a garantir unha rede pública en vez de ser un mecanismo que comprometeu recortes e políticas antisociais” conclúe a concelleira.