marea de vigo esixe ao goberno local a actualización do plan de emerxencias municipal.

5 de Marzo de 2019

Marea de Vigo esixe ao Goberno local a actualización do Plan de Emerxencias Municipal, sen modificar desde o 2015 e tras ter pasado unha vaga de lumes en outono do 2017.

Rubén Pérez: “Nestas alturas do ano, e máis dun ano despois dos grandes incendios que asolaron a cidade, segue sen actualizarse o PEMU e segue sen existir o Plan Especial para o risco de incendios forestais”.

Vigo, a 05-03-2019. Dos máis de vinte riscos contemplados no PEMU, asociados tanto con fenómenos naturais coma cos efectos de accións humanas, hai dous casos nos que o propio Plan especifica a necesidade da elaboración dun Plan Especial debido ao alto nivel de risco, coma é o caso do risco de incendios forestais, mais, a día de hoxe, case catro anos máis tarde de plasmar esa necesidade no PEMU, aínda non existe. “Non só é fundamental a elaboración do Plan especial polo risco de incendios, senón que o propio Plan de Emerxencias debe ser actualizado. O accidente de “O Marisquiño” tamén viu amosar esta insuficiencia en políticas de prevención así como a falta de adaptación do Plan á realidade da nosa cidade” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Por outra banda, a realidade na que se atopa o Servizo de Bombeiros, denunciada recentemente por parte das forzas sindicais, só fai incidir na gravidade desta situación. “Non cubrir o persoal necesario é responsabilidade única e exclusiva do Goberno local, xa non vale a escusa da taxa de reposición e do ex-ministro de Facenda Montoro, cando o propio alcalde, como presidente da FEMP, négase a abrir o debate sobre os incrementos dos cadros de persoal dos municipios”. “Esta situación – prosigue Pérez – será aínda peor en poucos anos, cando se produzan máis xubilacións e nin unha taxa de reposición do 110% será suficiente para cubrir o mínimo”.

Marea de Vigo pide ao Goberno local que poña xa as medidas necesarias tanto en materia de prevención actualizando o PEMU e elaborando o Plan Especial, coma en materia laboral incrementando o persoal efectivo do servizo de bombeiros, co obxectivo de paliar, na medida das posibilidades, os posibles futuros riscos relacionados cos lumes aos que se poida enfrontar cidade de Vigo.