marea de vigo esixe ao goberno local “non facer un vigo de segunda no rural”
Por Marea de Vigo

audio da nova:
Marea de Vigo denuncia que os barrios rurais están a recibir peor trato que o centro da cidade, con accións como a reutilización dos colectores de RSU vellos retirados do centro ou as chamadas “humanizacións no rural” que apenas consisten en volver asfaltar e pintar algunhas vías.
23/01/2023
Marea de Vigo considera que as 18 parroquias do rural deben contar cun orzamento adaptado á súa realidade, que teña en conta criterios como a idade da poboación, a mobilidade e o tráfico. Por este motivo sigue defendendo que un de cada 3 euros do orzamento anual do Concello de Vigo debe ir ás parroquias do rural, algo que na actualidade non se está a cumprir.
Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal de Marea de Vigo, denuncia que a día de hoxe aínda están sen executar partidas importantes do orzamento 2022 relacionadas co mantemento de vías e reparacións no rural e que o plan de asfaltado da Deputación acordado co concello sigue sen verse nas parroquias viguesas.
Fronte aos grandes anuncios que se fan para a zona urbana da cidade, no rural tenta venderse como “humanización” botar unha capa de rodadura, limpar os elementos vexetais dos valados ou rotular unha liña de pintura branca a modo de beirrarúa, o que é un agravio evidente cos investimentos do centro da cidade.
A última nova coñecida neste listado de agravios é a decisión de que centos de colectores de recollida selectiva de R.S.U. que se retiraron do uso no centro urbano da cidade sexan reacondicionados para utilizarse no rural. Esta decisión contrasta coas cifras: “estamos ante o maior contrato público da historia de Vigo, con máis de 400 millóns de investimentos por parte do Concello de Vigo e no que se consignaba a renovación de máis de 1.500 contedores destinados á recollida selectiva (envases, vidro e papel) e a consigación de 1.950 contedores para residuos orgánicos, algo absolutamente necesario no rural onde se produce de xeito máis abundante este residuo”. Marea lembra que a cota anual que as vivendas do rural pagan polo tratamento dos residuos é exactamente a mesma que as do centro, polo que ten que ter un nivel de servizo e de elementos que faciliten a recolla selectiva análogos.
Marea de Vigo non entende, ademais, o feito de que estes contedores retirados no centro urbano estean amontoados dende o pasado mes de novembro en Samil, sen se limpados e hixienizados, emitindo un cheiro evidente. Ademais, denuncia que o Concello aínda non informou de como e cando van ser renovados e limpados, e pide urxencia para evitar que esta situación chegue aos meses de verán onde a afluencia de persoas ao entorno litoral de Samil aumenta exponencialmente.