marea de vigo esixe ao goberno local que asuma a súa responsabilidade ante a concesionaria de limpeza de dependencias municipais, urbaser, cuxo persoal esta en folga dende hoxe.

18 de Abril de 2022

Marea de vigo esixe ao Goberno local que asuma a súa responsabilidade ante a concesionaria de limpeza de dependencias municipais, Urbaser, cuxo persoal esta en folga dende hoxe.

Oriana Méndez: “Todo o noso apoio ao persoal da concesionaria de limpeza de dependencias municipais que comezaron hoxe unha folga indefinida ante os constantes incumprimentos do convenio e dos pregos por parte da empresa e o beneplácito do Goberno de Abel Caballero”.

O Grupo municipal da Marea de Vigo afirma que o Concello de Vigo ten que actuar como administración licitante e polo tanto, responsable do contrato.

Vigo, 18-04-2022. No día de hoxe comezou a folga indefinida do persoal da contrata de limpeza nas dependencias municipais tralas reiteradas denuncias feitas polo Comité de Empresa; “denuncias que foron desatendidas tanto por parte da propia empresa coma do Concello, cuxo contido forma parte das demandas do persoal á hora de convocar a folga” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Marea de Vigo leva anos denunciando o “deixar facer” do Goberno de Abel Caballero ás concesionarias sen levar a cabo ningún tipo de acción fiscalizadora, “o que sempre acaba desenvocando en incumprimentos en materia de dereitos laborais e estes en conflitos como a folga que comezou hoxe sobre a que reiteramos o noso apoio” engade a concelleira. “O que debería ter feito o Concello dende a primeira denuncia por parte do Comité – prosigue Oriana Méndez – é abrir un expediente á empresa e asegurarse do cumprimento dos pregos e do contrato, o que implica neste caso o cumprimento do convenio colectivo”.

Marea de Vigo tamén denuncia a “incongruencia” coa que se fixaron os servizos mínimos na folga e pide ao Goberno local que “deixe de mirar para outro lado” e cumpra a súa responsabilidade para que a empresa concesionaria asuma as demandas do persoal, cumprindo deste xeito cos pregos e coa propia Lei de Contratación Pública.