marea de vigo esixe ao goberno local que poña os mecanismos necesarios para evitar que nos terreos da antiga alfageme pase o mesmo que nos de álvarez.

27 de Xuño de 2022

Marea de Vigo esixe ao Goberno local que poña os mecanismos necesarios para evitar que nos terreos da antiga Alfageme pase o mesmo que nos de Álvarez.

Rubén Pérez: “O Concello de Vigo ten que cumprir o acordo de Pleno no que se dicía que calquera operación urbanística feita sobre os terreos da antiga Alfageme tiña que facerse de xeito que coa operación se sexa liquidada a débeda cos traballadores e traballadoras”.

O Grupo municipal preguntará sobre as intencións do Goberno de Abel Caballero ao respecto no Pleno deste mércores.

27-06-2022. Marea de Vigo quere poñer o foco unha vez máis no que está acontecendo con moitos dos terreos de uso industrial da nosa cidade, “fábricas abandonadas de sectores que no seu día tiveron moita actividade económica cuxos terreos, baleirados durante moitos anos, acaban sendo recalificados para outros usos que non son industriais” explica Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, en referencia ao que semella vai acontecer nos terreos que ocupaba a antiga conserveira Alfageme, onde máis do 80% se quere converter en vivenda.

“O concello de Vigo ten que facer cumprir, en primeiro lugar, un acordo de Pleno no que se dicía que calquera operación urbanística feita sobre estes terreos tiña que ser sempre facendo valer as necesidades de xustiza e reparación do antigo persoal da empresa – afirma Pérez -; poñendo os mecanismos para que da operación que se faga nos terreos se liquide o que se debe aos traballadores e traballadoras”.

Mais a realidade, segundo relata Marea de Vigo, “é que non está sendo así, e o Goberno local pretende incorporar os terreos ao novo PXOM sen contar cos acordos plenarios previos” incide o portavoz. Marea de Vigo suliña que “é preciso poñer enriba da mesa unha solución urbanistica que por unha banda permita solucionar o agravio laboral cometido con este persoal e pola outra, que impida que isto sexa unha operación especulativa máis para alimentar novas operacións, por exemplo, nos terreos que actualmente están en mans do sector naval” afirma o voceiro.

Esta situacion, que se pode extender a moitos máis espazos na nosa cidade, require dun compromiso por parte da administración local para que as operacións que se fagan sobre eles non sexan especulativas. “Nos terreos da antiga Alfageme non pode acontecer o mesmo que aconteceu coas empresas do Grupo Álvarez, cuxa situación con respecto ao persoal aínda a día de hoxe está sen resolver tras anos de reclamacións. Non queremos que se repita en Alfageme o acontecido en Álvarez” conclúe.