marea de vigo esixe ao goberno local que tome as medidas necesarias para evitar as prácticas clientelares no concello.

16 de Decembro de 2021

Marea de Vigo esixe ao Goberno local que tome as medidas necesarias para evitar as prácticas clientelares no Concello.

O Grupo considera que, ademais de dar explicacións no máximo órgano democrático que é o Pleno, o Concello debe habilitar urxentemente mecanismos que eviten posibles prácticas clientelares así como irregularidades nas oposicións, nomeadamente para o corpo de Policía e Bombeiros, porque “eses mecanismos existen, é posible implantalos, e facelo é responsabilidade de quen goberna un municipio” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

 

Vigo, 16-12-2021. Marea de Vigo, que solicitará co resto de grupos da oposición a celebración dun Pleno Extraordinario para que se dean as debidas explicacións pola sentenza do Tribunal Supremo que confirma prisión para un funcionario do Concello e que considera probado a existencia dun plan para adxudicar contratos menores a unha empresa concesionaria e así pagar un salario a unha familiar da Presidenta da Deputación, “non alberga esperanzas sobre a utilidade do devandito Pleno, xa que – segundo explica Rubén Pérez -, seguramente en vez de clarificar e formular funcionamentos administrativos que eviten a futuro a aparición de casos semellantes, se convertirá nun novo escenario de confrontación PP-PSOE”.

Igualmente, Marea de Vigo considera necesario dar luz verde a unha comisión de invetigación do acontecido xa que o ARTIGO 51 do regulamento orgánico do Pleno do Concello de Vigo permite por solicitude dun grupo municipal ou do alcalde a constitución de COMISIÓNS ESPECIAIS que permitan “constituír, en calquera momento, para un asunto concreto cos fins de estudo, elaboración de propostas ou outros de natureza análoga, co ámbito de actuación que se estableza no seu acordo de creación.”

Alén disto, Marea de Vigo tamén quere poñer o foto sobre a urxencia de cambiar o sistema de configuración de exames e celebración de probas de acceso á policia local e bombeiros “toda vez que existen investigacións xudiciais presuntamente abertas sobre estes procedementos” engade Pérez. Marea de Vigo lembra que solicitou “repetidas veces” a elaboración dun código de boas prácticas para os procesos de oposicións que se leven a cabo no Concello de Vigo e segue sen entender porque non existe un temario oficial das probas para a policía local de Vigo. “Non compartimos en absoluto o sistema polo cal cada membro do tribunal propón preguntas dos diferentes temarios existentes no mercado, debendo ser, ademais, o contido do exame adecuado ao nivel da oposición (Grupo C1)” sinala o voceiro. “O lóxico e transparente – prosigue – é que as 100 preguntas se configuren por sorteo o mesmo día do exame e cos opositores e opositoras xa nos seus asentos”. O feito de ter que esperar un tempo mentres se elabora o exame, segundo a Marea de Vigo “non supón ningún problema” senón ao contrario, xa que “estarán encantadas e encantados de esperar sabendo que é para unha garantía de igualdade e transparencia no proceso”, matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal. Marea de Vigo considera que a mellor opción, en todo caso, é que as oposicións para o caso da policia local se celebren conxuntamente coas de outros concellos no recinto feiral de Silleda e cun tribunal alleo ao Concello, “tal e como fan ducias de concellos galegos” engade Pérez.

Sobre as probas físicas, Marea de Vigo pide tamén que sexa necesario desenvolver unha nova norma mediante a cal estas sexan controladas a través do Colexio Oficial de Graduados en Educación Física, a Federación de Atletismo e Natación e do persoal técnico municipal de deportes. Marea de Vigo solicita que o Concello de Vigo arbitre estas e outras medidas para garantir a lei de Estatuto Básico do Empregado Público e a Lei 4/2007 de Coordinación dos policías locais de Galicia.