marea de vigo esixe blindar o uso industrial dos terreos de vulcano no pxom

2 de Xullo de 2019

Rubén Pérez, concelleiro de Marea de Vigo-Son en Común, considera “o único certo” que quen aproba finalmente o Plan Especial do Porto e o inclúe no seu PXOM é o Concello de Vigo e polo tanto é o que ten a última palabra para evitar que os terreos de Vulcano ou ben se desafecten e empreguen para usos especulativos ou ben desapareza a actividade de construcción naval ligada a eles.

Marea de Vigo-Son En Común considera que a liquidación de Vulcano é a peor nova que a economía de Vigo ten recibido en anos por estar en risco de desaparación unha actividade económica nun emprazamento “que deu de comer a xeracións enteiras de vigueses e viguesas”

Vigo, 21-06-2019. Marea de Vigo-Son En Común valorou hoxe como “un mazazo esperado” o rexistro da liquidación de Factorías Vulcano e segue a considerar como unha operación orquestada pola actual dirección do asteleiro a falla de carga de traballo e actividade comercial previa. Non se entende como nun contexto de contratación alta dos asteleiros de toda Europa e do estado un con máis de 100 anos de historia sexa incapaz de traer barcos. Non se entende e debería ter unha acción de fiscalización máis decidida por parte das administracións que permitiron quitas e dotaron recursos públicos: Goberno Central e Xunta de Galicia.

Marea de Vigo- Son En Común lembrou que cando Vulcano mercou o antiguo asteleiro público Juliana en Xixón existía unha sospeita dunha operación inmobiliaria sobre os terreos do asteleiro, sospeita que foi confirmada cando se intentou a modificación do PXOM da cidade asturiana para dar encaixe a oficinas e vivendas nos terreos industriais. “Non queremos”, sinala Rubén Pérez, “unha operación semellante en Vigo, sexa para estos usos ou para outras necesidades do titular dos terreos, a Autoridade Portuaria de Vigo”.

Marea de Vigo lembra que efectivamente o Plan Especial é o que clasifica o solo e a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios somentes delimita, pero estará “vixiante” para evitar calqueira cambio urbanistico que pretenda dar outro uso aos terreos que non sexa a actividade industrial naval e a xeración de postos de traballo e futuro no sector naval.