marea de vigo esixe campañas informativas para a veciñanza sobre as zonas de baixas emisións na cidade

4 de Xaneiro de 2023

audio da nova:

 Marea de Vigo considera que se está a facer un uso partidista dos recursos para publicidade institucional ao malgastarse na promoción local do Nadal e non en informar aos veciños e veciñas sobre unha medida tan indispensable para a cidade.

04/01/2023

A entrada en vigor neste 2023 da normativa de Zonas de Baixas Emisións vai supoñer un cambio importante na fisionomía e a mobilidade na cidade, polo que dende a Marea de Vigo demandan ao Concello que se poña en marcha unha campaña informativa ampla e individualizada, para garantir que chegue a cada domicilio da cidade. Malia que a proposta de delimitación de zonas de baixas emisións do goberno local é absolutamente insuficiente “o certo é que nalgún momento o acceso será imposible para vehículos que non cumpran as determinacións de emisións atmosféricas”.

Marea de Vigo considera urxente esa campaña informativa toda vez que a cidade está fatigada dos colapsos de tráfico durante os meses da campaña do nadal e que a proposta, obrigatoria, debería ter sido dialogada co movemento ecoloxista, veciñal, e co sector do transporte.

Marea de Vigo vén de denunciar a inacción por parte do goberno local un ano despois de ter demandado no Pleno que se comezara a traballar no establecemento de Zonas de Baixas Emisións no Concello de Vigo. O Goberno de Abel Caballero, segundo a Marea de Vigo, “tiña que ter comezado xa os estudos para levalo a cabo, traballando co movemento ecoloxista, xa que son estes os que teñen feito medicións sobre as actuais emisións que están provocando os vehículos particulares no centro da cidade”, engade o voceiro Rubén Pérez. “Agora simplemente temos unha delimitación de zonas acordada para a subvencións con cargo aos recursos que habilita o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda urbana, que, entre outras tarefas, capta fondos europeos para trasladar aos Concellos”.

A proposta actual “non está consensuada con ninguén e tiña ter sido elaborada da man de colectivos ecoloxistas e así como os relacionados coa mobilidade sostible” afirma Pérez. Os argumentos sobre que zonas deben estar dentro ou fóra desta delimitación “non se sosteñen, por exemplo, coa exclusión da Gran Vía ou doutras arterias da cidade” engade.

Marea de Vigo insta, ademais, a que o Goberno local escoite, ademais de aos movementos ecoloxistas, ao resto da cidade de xeito que tamén se poidan escoitar as demandas do movemento veciñal e do sector do taxi, entre outros. “Precisamente Ecoloxistas en Acción e Greenpeace veñen de presentar recentemente un informe sobre as emisións máis contaminantes que, cremos, debe ser tido en conta á hora de acometer as delimitacións así como todas as accións que se poidan levar a cabo neste eido” conclúe Rubén Pérez.