marea de vigo esixe claridade nas intencións do goberno de abel caballero ante o debate sobre a nova entrada da a55.

31 de Xaneiro de 2022

Marea de Vigo esixe claridade nas intencións do Goberno de Abel Caballero ante o debate sobre a nova entrada da A55.

Marea de Vigo pedirá aclaracións no Pleno Extraordinario que se celebrará mañá ante a proposta de resolución do Goberno local para abordar o futuro da A55 sobre a nova entrada da autovía na cidade de Vigo.

“Queremos saber se se pretende xustificar o vial proxectado no novo PXOM que atravesaría Beade, Bembrive e Castrelos pola vía dos feitos consumados” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo.

Vigo, 31-01-2022. O Grupo municipal da Marea de Vigo considera que “en principio non hai discrepancias” coa resolución presentada polo Goberno local, xa que se trata de abordar unha infraestrutura “esencial e necesaria para a cidade, tendo en conta ademais a alta siniestralidade da actual entrada ao seu paso polo termo municipal de Mos” apunta Rubén Pérez, voceiro do Grupo.

O que non comparte a Marea de Vigo son, segundo Rubén Pérez, “as dúas cuestións que se pretenden vincular ao debate da A55 cando nada teñen que ver: abrir a enésima pelexa entre a Xunta e o Concello sobre se hai que acelerar o proxecto da nova A55 e mentres non chega artellar a gratuidade do tramo da AP9 dende Tui, e xustificar determinadas alternativas de mobilidade, coma o vial proxectado no novo PXOM que atravesaría Beade, Bembrive e Castrelos argumentando que ese vial daría soporte á nova infraestrutura, por parte do Goberno de Abel Caballero”.

Estando dacordo con que necesitamos unha nova entrada da A55, “non imos xustificar que as solucións de mobilidade que se propoñen no novo PXOM sexan as que se corresponden con esa nova entrada dunha infraestrutura, neste caso dependente do Ministerio de Fomento, na cidade de Vigo” conclúe o voceiro.