marea de vigo esixe a concello e xunta control sobre o número de centros comerciais actuais e futuros na cidade.

3 de Marzo de 2022

Marea de Vigo esixe a Concello e Xunta control sobre o número de centros comerciais actuais e futuros na cidade.

Rubén Pérez: “A situación é tan delirante que actualmente proxéctase en Recaré un centro comercial que anuncia marcas que na actualidade están no centro comercial de Meixoeiro, a poucos metros do proxectado”.

 

Vigo, 03-03-2022. Con respecto á Xunta de Galicia, Marea de Vigo considera que esta “incumpriu o expresado sobre realizar un control da proliferación de centros comerciais na cidade polo seu impacto no comercio de proximidade” afirma Rubén Pérez. Igualmente, o grupo acusa ao Concello de actuar “como auténtico promotor destes intereses privados aos disfrazalos dun interese público que nunca queda acreditado no emprego prometido”.

Segundo a Marea de Vigo, as superficies comerciais actuais e futuras da cidade “non teñen ningunha planificación e está a abrirse unha competencia entre elas que simplemente precariza as condicións de traballo nas mesmas e establece xornadas laborais delirantes” sinala o voceiro do Grupo municipal. Vialia, anunciada como “unha revolución no comercio local” xa asiste os seus primeiros peches e os locais dispoñibles en centros comerciais de toda a cidade non deixan de aumentar. “Pese a que a Xunta non quixo ser ambiciosa na súa lei Ley 13/2010 do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, non arbitrando as declaracións de zonas saturadas de centros comerciais que xa opera por exemplo en Cataluña, si ten suficientes competencias en materia de comercio para establecer criterios de organización dunha tipoloxía de espazos comerciais que está a expandirse por toda a cidade fomentando a desaparación do comercio local e de proximidade” explica Pérez.

Ademais, Marea de Vigo afirma que non se está a artellar no futuro PXOM unha política seria para ordenar as licenzas urbanisticas desta tipoloxía de espazos de uso terciario, “quedando ao arbirtrio da improvisación e da demanda privada” matiza Rubén Pérez. O caso de que Recaré non tivera encaixe no instrumento de Ordenación Provisional, segundo o voceiro, “é claro”, xa que “non pode ser que o promotor privado coa falsa e nunca certificada creación dun número elevado de postos de traballo, consiga pola vía da urxencia e da declaración de ‘interese xeral’ unha licenza para un negocio privado fronte a outras actividades industriais e empresariais que esperan anos a poder tramitar as súas”. Un “agravio comparativo evidente” pero que ademais, para a Marea de Vigo, ten un impacto directo na economía. “Exemplo disto é que os promotores de Recaré anuncien a instalación de tendas de cadeas que actualmente están no parque comercial do Meixoeiro, a apenas uns minutos de distancia. Os postos que crean nun desaparecen do outro” asegura o voceiro municipal.

Alén disto, Marea de Vigo alerta tamén do efecto “novidade” de estos espazos, “aos que asisten persoas de xeito masivo ao inicio da actividade e logo convértese nun espazo dende o punto de vista comercial que non ten a cifra de negocio proporcional ao número de persoas transeúntes – incide Rubén Pérez -. Unha especie de zonas de paseo cubertas pero esquecendo que a súas tendas teñen que ter negocio para subsistir, non persoas paseando”.

Foto: https://revistacentroscomerciales.com/