marea de vigo esixe a concello e xunta que non fagan un uso partidista á hora de abordar problema da auga.

30 de Agosto de 2022

Marea de Vigo esixe a Concello e Xunta que non fagan un uso partidista á hora de abordar problema da auga.

O Grupo lembra que ambas administracións “foron absolutamente neglixentes con este asunto” nos últimos anos e anímaas a poñerse a traballar para mellorar a situación de xeito inmediato e coordinado.

Vigo, 30-08-2022. Xunta e Concello volven protagonizar unha vez máis un capítulo “bochornoso” desas políticas “que é necesario desterrar” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal. Por unha banda, Marea lembra que a Xunta de Galicia ten responsabilidades nas concas hidrográficas e na súa organización, “e culpabilizar aos Concellos por non facer políticas de aforro e contención é canto menos inxusto, aínda sendo certo que concellos como o de Vigo chegou tarde á hora de tomar medidas ao respecto” engade.

Marea de Vigo leva meses advertindo e reclamando que se tomen medidas que agora xa chegan tarde, e como exemplo está a situación da potabilizadora. “Sabemos dende hai vinte anos que necesitamos dunha potabilizadora que poida funcionar cando o embalse está por debaixo do 40%” recalca Rubén Pérez. “Concello e Xunta estiveron pelexando por quen debía pagala cando é unha obviedade que ese investimento debe ser asumido polo Concello, que ademais tivo opcións de buscar financiamento europeo de xeito recente” detalla.

Marea de Vigo pide que a nova potabilizadora non se consigne aos investimentos de Aqualia, xa que, de seguir figurando dese xeito, “imos acabar pagandoa todas as viguesas e vigueses nas nosas facturas”. Esta infraestrutura, segundo Pérez, “debe ser asumida con recursos propios do Concello, abaratando así a cota fixa de mantemento ao eliminar os vinte millóns de euros que se estima vai costar”.

“Nin a Xunta pode ser tan irresponsable nin os concellos deben de tomar medidas tan tímidas. Saudamos positivamente as medidas trasladadas polo alcalde no día de hoxe, e esperamos que non se queden ai xa que tal e como está a situación da auga na actualidade así como as previsións, vanse necesitar medidas con máis impacto dende a administración local” conclúe o voceiro.