marea de vigo esixe constituír inmediatamente un consello municipal de urbanismo

3 de Outubro de 2018

Marea de Vigo esixe constituír inmediatamente un Consello Municipal de Urbanismo para abordar o seguimento dos traballos de redacción do PXOM por parte da cidadanía viguesa a través do tecido social.

Rubén Pérez: “Ante a convocatoria da mesa de contratación de urbanismo de mañá, que vai a realizar xa a proposta de adxudicación dos traballos de redacción do PXOM,  procede artellar de inmediato os mecanismos de seguimento e participación pública da cidadanía no planeamento. Este Consello Municipal debería ser un mecanismo análogo aos que xa funcionan en materia de igualdade, educación ou mesmo o consello económico e social da cidade”.

Vigo, 3-10-2018. Mañá xoves a mesa de contratación de urbanismo procederá a adxudicar finalmente, tras dous anos de aparente inactividade con respecto á redacción do novo PXOM, a contratación do servizo de actualización da Cartografía Municipal do Concello de Vigo e a redacción da revisión do PXOM. Xa no momento da presentación da memoria e dos pregos, o grupo municipal da Marea de Vigo presentaba alegacións á mesma orientadas a dotar de maior participación cidadá e transparencia a todo o proceso anterior á presentación pública do borrador. O que eran, en palabras do voceiro do grupo municipal, Rubén Perez, “unha serie de achegas baseadas principalmente en evitar os erros que propiciaron a anulación do PXOM do 2008 e na adaptación á nova realidade social da cidade”.

Marea de Vigo considera que este Consello Municipal, participado por entidades veciñais, colexios profesionais, sectores económicos e tecido asociativo, podería ser un xeito de “examinar” o proxecto e evitar que o novo PXOM volva a acadar as máis de 60000 alegacións e as máis de unha ducia de denuncias xudiciais que tivo o PXOM do 2008.

Para a Marea de Vigo, tanto os mecanismos de participación cidadá previos como este Consello Municipal proposto, a boa tramitación e resolución de consultas deberían ser factores especialmente sensibles xa que soamente unha boa xestión das mesmas no proceso de redacción evitaría un alto número de alegacións e a futurible proliferación de denuncias xudiciais. Nesta liña, Marea de Vigo propuxo que nos pregos se subise a puntuación da valoración da participación cidadá nos criterios avaliables mediante xuízo de valor por enriba dos criterios de aforro económico, demanda que non foi considerada polo Goberno Local.