marea de vigo esixe explicacións sobre as mortes non naturais de animais no zoo

4 de Marzo de 2023

Marea de Vigo rexistrou hoxe unha solicitude de información sobre a morte, mesmo en accidentes, de animais no Zoo e alerta de que os supostos anuncios de Caballero de cambio de modelo no espazo é simplemente falla de investimento.

04/03/2023

Marea de Vigo considera “gravísimas as mortes por frío e afogamento dun lémur e o exemplar de tigre” e son consecuencia dunha xestión neglixente dos recursos pero tamén de organización. O estado real dos animais xa non se pode agochar máis, calquera veciño ou veciña que se achegue ás instalacións pode velo” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal de Marea de Vigo que ven de rexistrar unha solicitude de información do que ten acontecido nestes días.

Marea de Vigo considera que no zoo está a darse a “tormenta perfecta” para unha xestión neglixente, dende os procesos de privatización como o da xestión do espazo de animais nocturnos (nocturama) ate a falla real de investimentos por parte do Concello de Vigo.

O Grupo municipal critica ademais que nos últimos anos “xa son varios os contratos que quedaron desertos e tiveron que modificarse”. Isto – matiza Rubén Pérez – non fai máis que amosar de novo que o Goberno local non se sabe que modelo de futuro quere darse ao centro”.

O lento proceso de decadencia e a falla de investimento no VIGOZOO, segundo a Marea de Vigo, “impiden a reconversión do obsoleto modelo de zoo do século pasado que aínda rixe no modelo de centro de conservación e santuario de especies que ten que ser no futuro ” e considera que os modelos privatizadores de exhibición que se están a planear baséanse na adquisición de animais, “práctica que hai que ir erradicando e repensando”. O anuncio de reforma integral expresado no seu día polo alcalde, mesmo dicindo que non quere máis animais presos, non parece confirmarse nalgo concreto. “Non se atalla a situación simplemente metendo empresas privadas a facer xestión das actividades se non se realizan os investimentos públicos precisos para cambiar o modelo e as instalacións” matiza Rubén Pérez.

Marea de Vigo ten amosado en múltiples ocasións a preocupación pola falla de persoal público no parque, feito que a amosa que durante días non se decatase ninguén do falecemento do tigre, que estaba fondeado no estanque da instalación que ocupa. “Durante moito tempo a praza de conservador estivo deserta e o mantemento das instalacións é absolutamente precario pola falla de persoal. Mesmo segue existindo unha carencia de investimento para arranxar avarías que evitarían as múltiples fugas de auga e mellorarían o estado de moitas instalacións” engade Pérez.

Marea de Vigo segue a considerar como urxente a conversión do Zoo de Vigo nun modelo alternativo como o que xa está a ensaiar de xeito audaz o Concello de Barcelona. “Por moito que se lle cambie o nome por ‘parque das ciencias de Vigo’, se nos modelos de conservación e xestión perviven os vellos vicios pouco se vai avanzar” incide o voceiro.