marea de vigo esixe mecanismos de consolidación laboral para evitar privatizacións no persoal municipal que atende os centros educativos.
Por Marea de Vigo

Marea de Vigo esixe mecanismos de consolidación laboral para evitar privatizacións no persoal municipal que atende os centros educativos.
Oriana Méndez: “Resulta incomprensible como na proposta de convocatoria de estabilización de emprego público que presentou o Concello aos sindicatos e que obriga a evitar o abuso da contratación temporal nas administracións públicas – trala aprobación da lei 20/2021 – exclúense os máis de 200 empregos temporais vinculados á apertura, peche e mantemento dos centros educativos”.
Vigo, 15-09-2022. A concelleira do Grupo municipal, Oriana Méndez, afirma que “xa bastante bochornosa é a sentenza europea que alerta do uso abusivo da contratación temporal por parte das administracións públicas, como para que a temporalidade máis manifesta no emprego público local, o persoal oficial de mantemento de centros educativos de titularidade municipal (CEIPs), quede fóra da proposta de persoal a consolidar por parte do Concello de Vigo”. Dende Marea de Vigo lembran que a devandita sentenza “obrigou ao estado a decretar a lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, decreto que de facto obriga a situar a taxa de temporalidade no Concello de Vigo por debaixo do 8%” engade Méndez.
Marea de Vigo denuncia que cando se produce unha baixa por IT, unha xubilación ou unha excendencia nestes empregos, o Concello “tarda meses as veces en repoñer a praza”, o que significa, segundo relata a concelleira, que “o centro educativo queda sen cobertura e persoal de mantemento”, como está a acontecer actualmente no centro educativo de Sárdoma. Marea ded Vigo pide celeridade ao departamento de personal e de educación do Concello de Vigo para evitar estas situacións.
Marea de Vigo considera que un Concello que deixa sen executar máis de 14 millóns de euros no capítulo 1 (persoal) no exercicio 2021 “e que previsiblemente fará o mesmo no ano 2022 – apunta a concelleira -, ten un serio problema de xestión de emprego público”, xa que, “máis aló das OPEs, hai bolsas de emprego e contratación que teñen que activarse para garantir o correcto funcionamento dos servizos públicos” incide Oriana Méndez, baseándose no obxectivo de evitar as privatizacións e externalizacións, “como xa aconteceu recentemente na apertura e peche dos 14 pavillóns de deportes do IMD”, privatización que foi xustificada coas mesmas motivacións de imposbilidade de contratar contra o capítulo 1.
Marea de Vigo permanecerá vixiante para evitar este “paulatino proceso de desaparación de emprego público na administración local, a externalización do servizo e especialmente a deriva deste emprego local á formulas como a xa empregada nos pavillóns do IMD cos centros especiais de emprego, que coa escusa da integración das persoas con discapacidades, son na súa maior parte auténticas máquinas de xerar negocio e explotación permanente e merma de dereitos laborais alí onde operan” conclúe a concelleira.