marea de vigo esixe o control das concesionarias municipais e volverá a pedir a constitución da comisión de seguimento da contratación pública

8 de Outubro de 2021

Marea de Vigo esixe o control das concesionarias municipais e volverá a pedir a constitución da Comisión de Seguimento da Contratación Pública

O Grupo municipal volverá a solicitar a constitución da Comisión se Seguimento da Contratación Pública, tal e como obriga o Regulamento do Pleno.

Rubén Pérez: “Se unha concesionaria non cumpre o convenio e se hai unha vulneración dos dereitos das traballadoras e traballadores de xeito reiterado, o Concello ten que abrir un expediente e propoñer as sancións que correspondan de xeito inmediato, e as e os concelleiros con responsabilidade nesta materia deberían esixir ese cumprimento ás empresas concesionarias de xeito constante”.

Vigo, 08-10-2021- Marea de Vigo leva denunciando de xeito reiterado dende a pasada lexislatura os incumprimentos das concesionarias municipais en materia de dereitos laborais, “empresas concesionarias de transporte, limpeza, xestión de residuos, etc., incumpren sistemáticamente incluso os propios pregos sobre as que foron feitas as licitaciòns” matiza o voceiro. Unha situación “moitas veces denunciada por parte dos comités destas empresas” engade. Actualmente, esta realidade “toma especial relevancia na situación da concesionaria de transporte público VITRASA, tal e como vén denunciando o seu comité e tal e como motivou a convocatoria de folga desta semana” sinala Rubén Pérez.

Para a Marea de Vigo, que unha concesionaria municipal non cumpra en materia laboral “é moi grave”, e así quedou patente tras os máis de 60 escritos presentados nos pasados días polo sindicato UGT nos que, nesta ocasión, se denunciaba a non cubrición das baixas na concesionaria de limpeza de dependencias municipais e colexios públicos, “tal e debe facerse segundo o prego administrativo do servizo” suliña o voceiro municipal.

Marea de Vigo reitera a necesidade de contar con mecanismos públicos de control das concesionarias. “No seu día – lembra Pérez -, este Grupo municipal propuxo a creación da Comisión de Seguimento da Contratación Pública, sendo esta de obrigada creación segundo o propio Regulamento do Pleno do Concello e que non foi constituída nin na pasada nin nesta lexislatura xa que o Goberno local non tivo vontade de facelo”.

Esta comisión, segundo a Marea de Vigo, é onde “se debe facer un seguimento, non só do grado de satisfacción da veciñanza co servizo público ou de calidade senón tamén unha auditoría permanente en materia de cumprimento da lexislación laboral e o convenio de aplicación en cada caso” reitera o voceiro.