marea de vigo esixe a posta en marcha de protocolos para frear as agresións sexuais nos espazos con aglomeracións e de ocio nocturno, como xa foi aprobado no pleno do concello

23 de Novembro de 2021

Marea de Vigo esixe a posta en marcha de protocolos para frear as agresións sexuais nos espazos con aglomeracións e de ocio nocturno, como xa foi aprobado no Pleno do Concello.

Co gallo do 25 de novembro, día contra a violencia machista, Marea de Vigo pon de manifesto a necesidade de implementar todas as medidas posibles dende a institución local.

Vigo, 23-11-2021. O número de mulleres asasinadas por violencia machista no conxunto do estado no que levamos de ano ascende a 34, 1.112 dende o ano 2003. O número de menores orfos e orfas por violencia machista ascende xa a 19 neste ano 2021 e a 323 desde 2013 segundo os datos do Ministerio de Igualdade.

No caso da nosa cidade, os datos dos que podemos dispor, dende inicio do 2020 ata marzo do 2021, situan en 184 o número de casos de violencia machista atendidos pola policia local.

No relativo ás agresións sexuais, estas subiron arredor dun 9% con respecto aos datos do 2019 (ano tomado como referencia polas institucións dadas as particularidades do ano 2020 a causa da pandamia da COVID), rexistrándose a incrible cifra de 12.638 delitos sexuais.

Ademais, e “de xeito extremadamente preocupante – sinala Oriana Méndez, – nas últimas semanas estamos vivindo atónitas ante as denuncias de mulleres ás que se lles está intoxicando en diferentes locais nocturnos, algúns tamén na nosa cidade, co claro obxectivo de agredilas sexualmente sen resistencia algunha e case total impunidade ao non poder case lembrarse as vítimas do acontecido. “Unha aberrante forma de violencia contra as mulleres que pon de manifesto a necesidade de medidas inmediatas que impliquen o Concello e os propios locais de ocio nocturno” apunta a concelleira.

Coas actuais cifras de visitantes e a cercanía das celebracións arredor do Nadal, Marea de Vigo reclama que a cidade de Vigo dispoña dun Protocolo concreto de actuación con obxectivos como: prever e sensibilizar contra as violencias machistas, mellorar a seguridade para as mulleres nas contornas festivas, informar ao conxunto da cidadanía sobre os recursos dispoñibles de orientación, atención e denuncia de agresións machistas nas festas e locais así como medidas concretas para e sensibilizar sobre a importancia da resposta cidadá contra este tipo de agresións. “Un protocolo que reserve ás persoas responsables e traballadoras dos locais de ocio nocturno un papel relevante á hora de detectar situacións potencialmente perigosas e en atender ás vítimas – sinala Méndez, – é preciso que estes espazos teñan un rol activo contra a violencia machista”.

O pasado mes de xuño o Grupo municipal da Marea de Vigo levou unha moción ao Pleno, aprobada por unanimidade, unha moción para a implantación de medidas específicas contra as violencias machistas ante a celebración de eventos masivos ante este aberrante aumento dos casos de violacións e abusos sexuais, “esiximos o inmediato cumprimento dos acordos aprobados, non se pode esperar nin un minuto máis para poñer enriba da mesa este asunto e activar de inmediato todos os protocolos necesarios para conseguir frear estas agresións” engade a concelleira.

Entre os acordos aprobados está a implantación de “puntos violeta” en cada festa ou lugar de celebración, a posta en marcha dun protocolo contra as agresións sexuais nos espazos de ocio nocturno privado contando coas asociacións de ocio nocturno, un protocolo de concienciación dirixido especialmente á mocidade así como levar a cabo o investimento necesario para a implantación destas medidas, con cargo aos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero así como as propias partidas municipais. “Non é aceptable que queden partidas sen executar na loita contra a violencia machista; tanto os fondos para os municipios procedentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero como as partidas propias do Concello deben planificarse e executarse na súa totalidade para accións contra a violencia machista e pola promoción da igualdade”.

“Ante o evidente aumento da violencia machista que estamos padecendo nos últimos meses, as accións desde os concellos como as administracións máis cercanas á veciñanza, deben ser reais e efectivas” conclúe a concelleira.