marea de vigo esixe que autoridade portuaria e ministerio de industria dean solución de futuro a un proxecto industrial de construción naval en vulcano.

7 de Abril de 2021

Marea de Vigo esixe que Autoridade Portuaria e Ministerio de Industria dean solución de futuro a un proxecto industrial de construción naval en Vulcano.

Rubén Pérez: “É preciso blindar o futuro das instalacións da antiga Vulcano exclusivamente para activade de construción naval cara á recuperación do pulso industrial que tivo sempre a ría de Vigo. Tanto a Autoridade Portuaria coma o Ministerio de Industria se deben exprimir os miolos traballando nesa liña”.

Marea de Vigo considera un “mazazo para a cidade” a resolución do Tribunal de Conflitos Xurisdicionais e do Xulgado Mercantil de Pontevedra sobre a non posibilidade de seguir coa concesión administrativa que tiña a antiga factoría Vulcano ate o 2027, anulando deste xeito o plan de liquidación dos activos e instalacións adquirido por Marina Meridional.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal, afirma que “Autoridade Portuaria e Ministerio de Industria deben velar para que este plan industrial, que xa anunciou proxectos de construción naval, teña futuro nas instalacións de Ríos e se garanta o retorno á actividade do antigo cadro de persoal de Vulcano así como a futuros empregados e empregadas que consoliden un estaleiro senlleiro na nosa comarca”. “Non pode ser – prosigue -, que como acontece en Barreras a día de hoxe, asistamos ao sepelio do sector naval cunha indiferencia pasmosa das administacións e de gran parte da sociedade”.

Marea de Vigo cre que, segundo expresa Rubén Perez, “feito o pago de 7,8 millóns de euros pola empresa e co anuncio xa de iniciar a actividade de construción naval e mellora das instalacións de inmediato, o proxecto de Marina Meridional é sinceiro e real e non é un bluff como ten acontecido coas chegadas de Pemex ou Ritz-Carlton ao sector”, polo que pide compromiso do Presidente de Autoridade Portuaria de Vigo, Vazquez Almuíña, para “non ser cómplice das herdanzas liquidacionistas do anterior Presidente e para non priorizar o lobby de empresas loxísticas que queren mangonear nos terrenos portuarios á vontade”

Marea de Vigo considera tamén necesario que o Congreso apoie a iniciativa presentada polo Grupo Parlamentario Confederal Unidas Podemos – En Comú Podem – Galicia en Común, para urxir a que estas instalacións da antiga Vulcano queden blindadas para a acitivdade da construción naval.