marea de vigo esixe que a baixada do canon de sogama ao concello repercuta nas facturas da veciñanza.

30 de Novembro de 2021

Marea de Vigo esixe que a baixada do canon de SOGAMA ao Concello repercuta nas facturas da veciñanza.

Rubén Pérez: “No momento no que o Concello paga menos a SOGAMA, tamén debe facelo a propia cidadanía, no que respecta a ese concepto”.

Vigo, 30-11-2021. Marea de Vigo leva anos reclamando que a redución do canon que paga o Concello a SOGAMA por depositar nas súas instalacións todo o lixo que se recolle en Vigo, repercuta na factura que cada familia paga anualmente. “Este canon non baixou para á veciñanza dende o ano 2019 a pesar de que o Concello paga menos, ao ter subido considerablemente a cantidade de reciclaxe nos últimos anos entre outros motivos” sinala Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Marea de Vigo apela á existencia dun mandato da Xunta e da propia SOGAMA que di que esa baixada do canon debe repercutir na factura do lixo dos vigueses e as viguesas, “ mais esta cuestión négase sistemáticamente, e incluso se nos dixo que eses recursos irían para humanizacións – critica Pérez -. Mais agora, que vai haber unha nova rebaixa do canon, dende Marea de Vigo seguiremos esixindo que haxa unha redución no recibo, sobre todo para as familias máis vulnerables”.

“Non vale de escusa dicir que só un 65% está cuberto para seguir cobrando o mesmo, cando non todos os servizos teñen que estalo ao 100% e sendo un servizo público esencial pode ser perfectamente subvencionado” engade o voceiro municipal.