marea de vigo esixe que as novas fases de vivenda de protección en navia sexan en réxime de alugueiro con opción á compra

16 de Xaneiro de 2023

audio da nova:

Marea de Vigo considera que a Xunta debe evitar as presións dos promotores e establecer que as máis de 1.500 vivendas proxectadas se adxudiquen de forma prioritaria no réxime de aluguer con opción a compra, o máis demandado.

16/01/2023

O voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, considera positivo que chegue a aprobación definitiva do proxecto de urbanización das fases 1 e 2 do PAU de Navia á xerencia de urbanismo. Considera que “é unha boa nova porque isto suporá poder construír 1599 novas vivendas pero é necesario que sexan promocionadas na súa maioría pola administración autonómica e no réxime máis solicitado polos 5000 inscritos e inscritas no rexistro de demandante de vivenda pública, que é o alugueiro con opción a compra”.

Marea de Vigo esixe que as promocións de vivenda de protección autonómica vaian acompañadas de políticas serias para aumentar o parque de vivenda con prezos asumibles na cidade, ademais de que o Concello acompañe desenvolvendo outras políticas de vivenda acordes ás súas competencias. Estas políticas, sinala Rubén Pérez, poden perfectamente significar que a Xunta solicite a cesión de inmobles á Sareb, como os máis de 100 existentes no último tramo da Rúa Aragón ou mesmo as máis de 40 existentes na rúa Privada Moderna no Calvario”.

Se finalmente son promotoras privadas as que xestionen estas novas promocións, ou mesmo cooperativas privadas nas que se agochan as mesmas promotoras, o réxime en todo caso debe ser o de alugueiro quedando a titularidade das mesmas en mans do Instituto Galego de Vivenda e Solo para evitar “o espectáculo vergoñento de construtoras como Construcuatro, que foi a adxudicataria de moitos dos pisos anteriores e que finalmente foi condenada a pagar 3,7 millóns de euros por sobreprezos nas vivendas de VPO, ou problemas serios de transparencia nas adxudicacións de baixos comerciais”. “Non pode voltar a acontecer o mesmo e a mellor vacina para este virus da especulación é que a vivenda non poida ser adquirida en venta e permaneza como parte dun parque público de alugueiro regulado”

A vivenda regulada e asumible ten que consolidarse por todo o ámbito urbano, evitando que se produzan procesos de xentrificación e consolidando a presenza de familias no centro para evitar a desaparición de dotacións educativas, sanitarias ou culturais na cidade. “Por iso a función reguladora pública é esencial e non pode significarse só mediante a creación de polígonos de vivendas de protección autonómica nas zonas periurbanas da cidade”