marea de vigo esixe que os incobros de aqualia pasen por servizos sociais.

26 de Xuño de 2019

Marea de Vigo esixe que os incobros de Aqualia pasen por Servizos Sociais para poder evaluar se son froito dunha situación de falla de recursos nas familias.

Rubén Pérez, concelleiro de Marea de Vigo-Son en Común, segue a defender como errónea a política de feitos consumados de Aqualia e do Concello que, por sistema, cortan a auga cando hai un recibo impagado e lembra que onde as empresas de auga son públicas existen traballadores sociais nos entes públicos que fan esa xestión.

Vigo, 26-06-2019. Marea de Vigo considera que non se trata de abonar as cantidades reclamadas por incobros por parte da concesionaria, como veñen de realizar despois de que en maio Aqualia remitise un informe con impagos por valor de máis 175.000 euros, senón que, cando a situación que explica o impago é unha situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social, é preciso poñer outro tipo de medidas, xa que volverán producirse impagos de non artellar unha cobertura social que evite o corte de auga ás familias.

Marea de Vigo lembra que hoxe máis que nunca é necesario unha empresa municipal de auga, como xa opera en Valladolid e Terrasa, despois da remunicipalización ou como operan, dende sempre, en Sevilla ou Málaga, onde, por exemplo, existe un consumo mínimo vital (no caso sevillano, 3 metros cúbicos gratuitos por persoa) que precisamente artella un uso social da auga e do saneamento para evitar o negocio especulativo.
Se ben é certo que a cláusula 67 do prego de cláusulas económico-administrativas que rexeu o concurso para o outorgamento da concesión di que “Transcorridos tres meses a contar dende a finalización do período voluntario de cobro, o Concesionario presentará ó Concello relación de impagados que resulte incobrable, ós efectos de que pola Administración Municipal se tramiten e aproben os correspondentes expedientes de constrinximento” tamén é certo que o Concello ten que avaliar dende unha perspectiva social o que está a acontecer cando familias deixan de pagar os recibos de auga e as situacións de vulnerabilidade que estas débedas e posibles cortes de auga poden levar consigo.