marea de vigo esixe que se blinde no novo pxom o uso industrial para os terreos que xa figuran actualmente con ese uso.

15 de Xuño de 2022

Marea de Vigo esixe que se blinde no novo PXOM o uso industrial para os terreos que figuran actualmente con ese uso.

Marea de Vigo leva anos denunciando que dentro das normas que rexen o planeamento urbanismo vigués hai unha “pulsion permanente por recualificar terreos industriais para usos terciarios ou residenciais” afirma Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Vigo, 15-06-2022. Hoxe coñeceuse que de xeito definitivo o grupo empresarial propietario de conservas ALBO trasladará a súa produción fóra de Vigo e a nave industrial que hoxe en día está en Jacinto Benavente incorporarase a un proceso de reordenación urbanística nunha fórmula permitida polo novo PXOM na que o 75% poderá adicarse a uso residencial e o 25% restante a uso terciario; “operacións especulativas que van perxudicar gravemente ao cadro de persoal da conserveira, traballadores e traballadoras que levan moitos anos traballando na nosa cidade – sinala Rubén Pérez – tal e como ademais advertiron as centrais sindicais”.

No seu día, cando se estaba configurando o novo PXOM, Marea de Vigo xa pedira que se reservara o solo industrial para tal fin, “e, en todo caso para actividades empresariais que xeren valor engadido – matiza o voceiro -, dende logo non podemos reconverter todo o espazo industrial da cidade en uso residencial altamente especulativo”. Ademais, segundo lembra o voceiro, o propio Plan Xeral “recoñece que se debe empregar o terreo industrial actualmente ocioso en novos usos de carácter industrial, non tendo a necesidade de facer máis polígonos mentres poidamos recuperar pezas como o da antiga Álvarez ou moitos dos espazos que están en Beiramar”.

Marea de Vigo seguirá esixindo que no novo PXOM se blinden os usos industriais dos terreos industriais limitando os usos residencial a ámbitos moi concretos.