marea de vigo esixe un plan municipal de prevención e seguridade inmediato ante os incrementos de casos de covid na cidade.

7 de Xullo de 2021

Marea de Vigo esixe un plan municipal de prevención e seguridade inmediato ante os incrementos de casos de COVID na cidade.

“Sería un desastre para a nosa cidade que tiveramos que cancelar programacións culturais, musicais ou incluso dar un paso atrás nos aforos da hostalería ou na apertura do ocio nocturno” lamenta Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal.

Vigo, 07-07-2021. Marea de Vigo quere trasladar a súa preocupacion ante o anuncio do aumento dos casos de COVID na cidade de Vigo, “sendo esta a cidade galega con máis novos casos contabilizados a día de hoxe” sinala Rubén Pérez. “Temos a 479 persoas enfermas de COVID na cidade cando hai poucos días ese número non chegaba aos 300 – engade – . Dende o Goberno local se teria que ter posto xa en marcha unha campaña de concienciación e sensibilización ante unha sociedade que semella relaxada e sen perceber ningún tipo de risco ante os índices de vacinación. Nada máis lonxe da realidade”.

Marea de Vigo considera que o Concello debe poñer enriba da mesa algunhas medidas. “A máis importante é a concienciación, – apela Rubén Pérez – con especial fincapé na mocidade, para evitar na medida do posible que se volvan a dar situacións de ‘botellón’ na vía pública que poidan significar un aumento dos contaxios”. Igualmente, o Grupo reclama maior dotación policial para controlar mesmo os aforos e as distancias de seguridade nos espazos hostaleiros.

Rubén Pérez incide na necesidade de facer campañas de sensibilización que conten con elementos informativos (folletos, paneis…), tal e como se fan para outros tipos de anuncios municipais, “co obxectivo que a xente saiba perfectamente que medidas debe tomar en cada espazo e sobre todo, e para que sexa consciente que ainda queda moito por facer ata acadar a total inmunidade. Non podemos permitirnos unha volta atrás do esforzo colectivo que fixo a cidade” conclúe o voceiro.