marea de vigo esixe á xunta a aplicación inmediata do rd 11/2020 do 31 de marzo aos alugueres que centos de familias de navia pagan ao igvs.

1 de Abril de 2020

Marea de Vigo esixe á Xunta a aplicación inmediata do rd 11/2020 do 31 de marzo aos alugueres que centos de familias de navia pagan ao IGVS.

Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo, dirixíu hoxe un escrito á Delegación da Xunta de Galicia, para solicitarlles que tal e como recolle o Decreto se considere ao Instituto Galego de Vivenda e Solo como “gran tenedor” de vivendas en alugueiro e se proceda á realización da quita do 50% do importe aos arrendatarios por un periodo de 4 meses.

Vigo, 01-04-2020. Marea de Vigo considera que a situación das aproximadamente 170 familias que viven de alugueiros sociais en Navia (27 delas en propiedade do Concello de Vigo) teñen que ser re-avaliadas para ver se ditas situacións personais obrigan a aplicar de xeito inmediato os criterios de moratoria recollidos nas medidas aprobadas onte polo Consello de ministros e ministras.

Marea de Vigo igualmente pide unha coordinación efectiva entre as dúas administracións con posibilidade de ter competencias en materia de vivenda, co obxectivo de coordinar unha oficina de atención urxente ás persoas en situación de alugueiro e vulnerabilidade para evitar que o novo paquete de medidas do Goberno sexa un novo foco de saturación dos teléfonos de información municipal 010 xa que en Vigo do 85% dos arrendamentos o propietario son persoas físicas que, en moitos casos poderían quedar incluídos nas medidas, tendo unha situación de vulnerabilidade análoga a miles de arrendatarios.

Segundo Oriana Méndez, “non podemos volver a vivir o peloteo entre Xunta e Concello nas medidas institucionais sobre vivenda que estamos afeitas e afeitos a vivir” e pide que a Xunta colabore de xeito “non obstaculizante” co Goberno do estado e o concello para que se implanten o paquete de medidas do Real Decreto-Lei 11/2020 do 31 de marzo.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo esixe á Xunta celeridade na entrega de EPIS e material sanitario de protección anunciada hoxe e con destino Concello de Vigo, “este grupo municipal é coñecedor das entregas que o propio concello fixo previamente a institucións dependentes da Xunta e neste momento son de vital importancia en ámbito dos servicios esenciais municipais como o de servizo de axuda a domicilio, onde a concesionaria CLECE vén de entregar uns epis básicos e de escasa protección e terá, de novo, que ser a administración local a que asuma a mellora dos mesmos” matiza a concelleira. Marea de Vigo considera que “non é de recibo a actitude desta empresa que pretende que mascarillas que teñen un uso limitado no tempo sexan empregadas polas traballadoras durante 15 días e pide a Concello e Xunta que garantan un servizo digno para persoas usuarias e seguro para as traballadoras”.