marea de vigo esíxelle ao goberno local do psoe que deixe de tapar as miserias urbanísticas de corporacións anteriores.

15 de Xuño de 2018

Marea de Vigo esíxelle ao goberno local do PSOE que deixe de tapar as miserias urbanísticas de corporacións anteriores.

Rubén Pérez: “Os reiterados intentos que se están facendo por parte do goberno local para salvar ‘O Piricoto’ de Castrelos tras as sucesivas sentenzas que obrigan ao seu derribo non fan máis que dilatar no tempo o lóxico e evidente desenlace que corresponde a unha obra ilegal”.

Vigo, 15-06-2018. O grupo municipal da Marea de Vigo considera cando menos “moi chocante” o anuncio do recurso por parte do goberno local para evitar a execución do derribo de ‘O Piricoto’, ao ser este o enésimo intento de evitar o que a xustiza, en repetidas ocasións e en todas elas co mesmo resultado, declara como unha obra ilegal.

Do mesmo xeito, Marea de Vigo tamén afirma que o intento de legalización a través da Ordenación Provisional tampouco ten sentido. “Se xa é legalmente imposible pola vía dun novo PXOM, o é moito máis a través dunha Ordenación Provisional que pende dunha Lei de acompañamento duns Orzamentos Autonómicos” insiste Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo quere poñer tamén o foco nas responsabilidades políticas e, de existir, patrimoniais, que puideran emanar das actuacións arredor desta obra, mesmo desde a súa aprobación no ano 1991, a dous meses das eleccións municipais, engadindo ademais, e á vista do que está acontecendo agora, “tentar legalizar os ‘pelotazos urbanísticos’ ilegalizados por sentenza cun novo Plan Xeral evidencia unha posible existencia de intereses que superan o político”.

Para a Marea de Vigo, é precisa a realización dunha cuantificación e previsión dos fondos que o Concello precisaría para os custos derivados da execución dun posible derribo. O grupo municipal considera que hai unha serie de asuntos xudiciais que tras planear moitos anos sobre o Concello, deben ser tidos en conta e dese xeito poder facer as previsións económicas necesarias, tal e como fixeron na Xunta de Goberno extraordinaria de onte, onde, segundo recoñece un informe de Intervención, se prevén 34 millóns de euros como previsible pago do Concello ante a quebra da concesionaria do auditorio Mar de Vigo, asumindo así unha débeda xerada tras anos de mala xestión por parte da concesionaria que operaba no auditorio. “Isto non é outra cousa que pagar con cartos públicos as consecuencias de decisións políticas nefastas, xa sexa coa obra de ‘O Piricoto’ ou co Auditorio, e estas, como moitas outras, deberían recoñecerse e ser asumida a súa responsabilidade” remata Rubén Pérez.