marea de vigo esíxelle ao goberno local que free as talas masivas.

2 de Maio de 2020

Marea de Vigo esíxelle ao Goberno local que free as talas masivas e sen xustificación na rehabilitación da muralla do Castro tal e como vén de denunciar Ecoloxistas en Acción.

Oriana Méndez: “Queremos denunciar que se están a talar árbores só para mellorar a visibilidade das luces que se instalarán na muralla, árbores que nin están enfermas nin afectan á rehabilitación do espazo”.

Vigo, 02-04-2020. Marea de Vigo lamenta que o Goberno local de Abel Caballero insista en seguir na liña de políticas de ornamentación da cidade a base de luz artificial, “políticas que teñen consecuencias importantes na conservación da biodeversidade xa que interfire nos ciclos de luz natural” incide Oriana Méndez. Desde o Grupo municipal, e tendo en conta os antecedentes da nosa cidade relativos á contaminación lumínica, critícase esta política do Goberno da cidade e da Concellería de Parques e Xardíns, pola que nos pasados días se talaron inxustificadamente unha ducia de árbores no Castro, atentando contra a biodiversidade da cidade e axudando ao cambio climático contra o que toda a sociedade, incluído o Goberno local, debe loitar.

Deste xeito, Marea de Vigo concorda co expresado por Ecoloxistas en Acción, e súmase a súa denuncia con respecto ao modo co que se está levando a cabo a rehabilitación da Muralla do Castro, “rehabilitación que en ningun caso pode por en perigo o patrimonio natural nin xustificar unha tala de árbores para incrementar a contaminación lumínica e empeorar a calidade do aire” matiza a concelleira.

O parque do Castro supón, se cabe, o espazo natural máis relevante da nosa cidade, tanto pola súa ubicación, constituíndo un pulmón verde no corazón da urbe, coma polo incalculable valor da súa flora e fauna. “É vital mudar a política medioambiental e paisaxística actual que se está facendo no noso concello, para isto é preciso contar tanto con persoas expertas coma cos colectivos medioambientais que temos na nosa cidade” engade Oriana Méndez.

Igualmente, Marea de Vigo demándalle ao Goberno local o seu compromiso coa ‘Declaración de Emerxencia Climática’ aprobada polo Pleno do Concello, na que se detalla a necesidade de ‘deter a perda de biodiversidade e restaurar os ecosistemas’ como parte da resposta ao cambio climático. “É hora de empezar a asumir os acordos plenarios, sobre todo cando neles nos vai a vida e o entorno no que vivimos” conclúe a concelleira do Grupo municipal da Marea de Vigo.