marea de vigo esíxelle ao goberno local que regule as solicitudes do imv ante as colas xeradas hoxe no concello.

15 de Xuño de 2020

Marea de Vigo esíxelle ao Goberno local que regule as solicitudes do IMV ante as colas xeradas hoxe no concello.

O grupo denuncia que o acontecido hoxe no concello para a solicitude do ingreso mínimo vital semella ter sido “deliberadamente feito para o paseo dos concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno”

Rubén Pérez: “Non se entende semellante espectáculo cando todo o relativo á política social e axudas debe facerse garantindo a privacidade das persoas”.

Vigo, a 15-06-2020. Marea de Vigo insta ao Goberno local a levar a cabo unha regulación como a cita previa para evitar o acontecido hoxe, de xeito que garanta a privacidade das persoas solicitantes. Tendo 3 meses de trámite e recomendando precisamente tanto o Goberno como a Seguridade Social, tramitadores finais e pagadores, a xestión telemática, O Grupo municipal non entende esa “querencia do alcalde” porque a xente faga colas “como o señor feudal as facía para o cobro do diezmo” matiza Rubén Pérez, voceiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.

Hoxe están a tramitarse en miles de concellos e institucións as solicitudes para o IMV, en todas elas sen o “espectáculo de concelleiros e concelleiras rondando as colas para as fotos” que acontece na nosa cidade, feito que constitúe, segundo a Marea de Vigo “un novo exemplo da pornografía da pobreza” que tanto lle gusta ao alcalde da cidade. “Non é Abel Caballero – explica Rubén Pérez – quen vai pagar as axudas, senón que trátase dunha medida acadada polo actual Goberno do Estado, medida que será finalmente xestionada e pagada polas arcas do mesmo estado. Non ten sentido, sobre todo ético, o que se está facendo na casa do Concello”.

Para a Marea de Vigo, é o sistema de cita previa o que ten que garantir, cando falamos de servicios sociais, a absoluta privacidade das persoas solicitantes.