marea de vigo esíxelle ao goberno local que saque a concurso o medio millón de euros para programación cultural do auditorio mar de vigo

18 de Xuño de 2018

Marea de Vigo esíxelle ao goberno local que saque a concurso os 500.000 euros de subvención directa para programación cultural do auditorio que se lle estaban dando á empresa contratada pola xa disolta concesionaria do mar de vigo.

Rubén Pérez: “Xa non existían argumentos de peso que xustificaran esa inxección directa de cartos públicos, cando menos agora que non existe relación contractual algunha”.

Vigo, 18-06-2018. Disolto o contrato entre o Concello de Vigo e a empresa concesionaria da xestión do espazo, Pazo de Congresos SA, tras un periplo xudicial a raíz da entrada da mesma en concurso de acredores, e tras anos de inxeccións de cartos públicos mesmo desde a súa construción (dun proxecto inicial de 85,7 millóns de euros, acabou en 154,5 millóns), “toda relación económica coas empresas que dependían desta, deben ser tamén resoltas e convocado o concurso correspondente desde o propio Concello, ao ter pasado a mans deste a xestión do espazo” explica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

O grupo municipal da Marea de Vigo, xa en novembro do 2016 pedía no Pleno a realización dunha Comisión de Investigación sobre o Auditorio Mar de Vigo e todos os contratos e convenios existentes entre a empresa concesionaria deste e o propio Concello de Vigo, á vista das actuacións que foron acontecendo, desde a inversión millonaria para pagar un aluguer dun espazo para a UNED ata o medio millón de euros ao ano que se lle dan á “Ideas de Éxito”, empresa contratada pola concesionaria do auditorio. Esta subvención, segundo a Marea de Vigo, tería que ter cesado no momento no que o xulgado ordena o cese de actividade, o pasado 31 de marzo, ao resolverse o concurso de acredores, mais, e segundo as verbas de Abel Caballero nos pasados días, o goberno municipal semella non ter pensado facelo, senón seguir pagando ese medio millón de euros dun xeito totalmente arbitrario.

“Isto pode supoñer un acto de clara prevaricación administrativa, transferir medio millón de euros de cartos públicos a unha empresa sen un concurso público en libre concorrencia debe rematar de xeito inmediato. Debe pasar polos procesos contractuais que lle corresponde, ten que haber posibilidade de avaliar outros proxectos técnicos relacionados coa explotación dese espazo” engade Rubén Pérez.