marea de vigo esíxelle ao goberno municipal información sobre o futuro da casa da xuventude e o punto xove.

4 de Agosto de 2017

Marea de Vigo esíxelle ao Goberno Municipal unha resposta sobre o futuro do servizos de información xuvenil da Casa da Xuventude e o Punto Xove.

O contrato finaliza en teoría o vindeiro 31 de agosto e non existe nin o anuncio da nova concesión nin a formalización da prórroga da actual.

“Queremos saber xa que vai pasar cos servizos da Casa da Xuventude e o Punto Xove, non se pode ter aos cadros de persoal destes servizos nesta incerteza, xogando cos cartos da veciñanza e cos servizos que non gustan ou non interesan a este Goberno” reclama Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo.

Non é a primeira nin a segunda vez que o Goberno Municipal deixaría “morrer” un servizo público desta cidade deste xeito, deixando literalmente tirado o cadro de persoal, (que, neste caso, xa ten enriba da mesa o ERE de extinción por parte da empresa concesionaria) e deixando de dar un servizo público de gran impacto na cidade, onde, no caso da Casa da Xuventude e o Punto Xove, se veñen atendendo ao mes ao redor de 1.500 mozas e mozos.

A pouca información obtida polo Grupo Municipal da Marea de Vigo por parte da concellería de xuventude, é que a intención do Goberno Municipal é de non pechar ningún destes servizos, mais non se traslada de que xeito será materializado, feito que fai dubidar de se as intencións do Goberno Municipal son realmente esas.

“Sempre pasa con este tipo de servizos, aconteceu co programa ‘Súbete ao Castro’ hai xa dous anos, programa que daba cobertura á mocidade para desenvolver actividades sociais e culturais que, da noite á mañá, fíxose desaparecer, deixando abandonadas/os tanto a traballadoras/es como usuarias/os ou mesmo a recentemente desaparecida oficina de atención ás persoas migrantes ” lembra tamén Marga L. Barreiro.

A Marea de Vigo, polo tanto, e despois dos exemplos que, día si, día tamén se estan dando neste Concello con respecto á contratación pública, afirma rotundamente que existe unha vontade real por parte deste Goberno Municipal do PSOE de desmantelar todos aqueles servizos públicos que non lles interesen, ou ben por falta de rédito electoral ou porque non se poden sacar beneficios doutra índole. A isto súmase a tamén voluntaria falta de control sobre todas e cada unha das concesións públicas, feito inadmisible para un Goberno Municipal que se di serio e sobre todo, de esquerdas.