marea de vigo estará esta tarde na parroquia de beade dentro da serie de actos informativos sobre a situación urbanística de vigo que comezaron coa anulación do pxom

30 de Novembro de 2018

Marea de Vigo estará esta tarde na parroquia de Beade dentro da serie de actos informativos sobre a situación urbanística de Vigo que comezaron coa anulación do PXOM e a día de hoxe xa suman máis de 50.

Rubén Pérez: “É fundamental reformular o modelo de cidade para non volver a caer nos erros que nos trouxeron a esta situación de inestabilidade urbanística. Na nova redacción do PXOM non se deben poñer ‘atallos’ para saltarse de novo nin os trámites ambientais, motivo da anulación do PXOM do 2008, nin o proceso previo participativo coa cidadanía”.

Vigo, a 30-11-2018. Dando continuidade aos actos que leva facendo a Marea de Vigo desde a anulación do PXOM, xa hai tres anos, esta tarde Rubén Pérez e Xosé Lois Jácome participan ás 20 horas nun acto informativo no C.S.C.R. de Beade, no que falarán sobre a Ordenación Provisional urbanística e a redacción do novo PXOM.

Tras a anulación do PXOM 2008 no ano 2015, o grupo municipal da Marea de Vigo comezou unha serie de actos polas diferentes parroquias e barrios do municipio vigués co obxectivo de trasladar á veciñanza a información sobre a situación urbanística de Vigo, así como a proposta de modelo de cidade que defende a Marea de Vigo, no que precisamente toma especial relevancia a participación da veciñanza previa á redacción do novo planeamento, “é especialmente importante tendo un contexto no que hai que adaptar o novo Plan aos criterios da nova Lei do Solo en canto a reservas de solo e previsións de vivenda” matiza Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Por outra banda, Marea de Vigo insiste na priorización da rehabilitación fronte a novos proxectos, “así como a reformulación do sistema dos PERIS, obsoletos moitos deles a día de hoxe, tendo atrapadas a centos de persoas dende hai máis de trinta anos en moitos casos. Beade é un dos exemplos de parroquia onde sucede iso”.

Marea de Vigo considera ademais que “é o Goberno do PSOE o que tiña que estar facendo xuntanzas e actos informativos coa veciñanza para explicarlles de xeito pormenorizado o que teñen pensado facer en canto ao urbanismo na nosa cidade, atendendo as súas dúbidas, dadas as moitas incertezas sobre o que vai acontecer en materia de urbanismo en Vigo. En lugar disto, están enviándolles unhas cartas tipo ás persoas con fincas afectadas pola Ordenación Provisional que carecen de toda concreción, xerando aínda máis inseguridades” conclúe Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.