marea de vigo fai un chamamento en defensa dun servizo público municipal de abastecemento e saneamento de auga neste 22 de marzo, día mundial da auga.

22 de Marzo de 2021

Marea de Vigo fai un chamamento en defensa dun servizo público municipal de abastecemento e saneamento de auga neste 22 de marzo, día mundial da auga.

Rubén Pérez: “Neste ano 2021 Vigo ten perdido unha oportunidade histórica tras 25 anos dunha concesión absolutamente torticeira como foi a concesión de Aqualia, unha oportunidade histórica de crear un novo sistema tarifario, unha oportunidade única para crear unha empresa 100% pública, remunicipalizando o servizo que foi privatizado na cidade no ano 1994 para poder ter un servizo dimensionado e adaptado ás necesidades da cidade”.

Vigo, 22-03-2021. No día mundial da auga, organismos internacionais como a ONU, poñen en valor a auga como servizo e ben público, escaso en moitos lugares do mundo e que require que estea en óptimas condicións. “A xestion directa e pública e o control público deste ben debe ser unha prioridade – afirma Rubén Pérez – mais no caso de Vigo este ben está en mans privadas, nunhas mans que son incluso capaces de condicionar a toma de decisións e as políticas do Goberno local”.

O voceiro municipal, Rubén Pérez, lembra que o pasado 24 de febreiro o Pleno municipal aprobaba a ordenanza reguladora que vai marcar os prezos do suministro e saneamento nos vindeiros anos. “Unha oportunidade – segundo o concelleiro – para modificar de xeito ambicioso esta ordenanza, oportunidade que non foi asumida polo Goberno local, limitándose a levar a cabo unha modificación dos criterios de reparto económico, pasando a cuota fixa do suministro aos investimentos”.

“Vigo perdeu o tren da auga pública, dos servizos públicos de calidade e con carácter social que evitarian determinados prezos no suministro e saneamento que moitas familias viguesas en situación de exclusión social non son quen de asumir” sinala Rubén Pérez. “No seu lugar, imos seguir tendo un servizo municipal privatizado, imos seguir pagando o mesmo ou máis gran parte dos vigueses e viguesas, e dende logo os anuncios de aforro e eficiencia expresados polo Goberno de Abel Caballero non se van dar en ningún caso”

Marea de Vigo quere incidir na necesidade de optimizar o consumo dun recurso tan valioso como a auga, poñendo o foco na sostenibilidade do servizo público de abastecemento de auga así como na necesidade de políticas de depuración e conservación ambiental “cando menos coherente coas normativas actuais” conclúe o voceiro.