marea de vigo fai un cuestionamento sobre as festas de vigo deste ano

1 de Agosto de 2017

O Grupo Municipal da Marea de Vigo amosa serias discrepancias e cuestiona a organización das festas de Vigo deste ano.

Marga L. Barreiro: “O Goberno Municipal semella esquecer a nosa identidade no aspecto lúdico-festivo; e o que nos parece máis grave: ningunha campaña contra a violencia machista”

Dentro da lóxica diferencia de gustos musicais entre a veciñanza viguesa, para a Marea de Vigo é grave que non se trate de potenciar os grupos musicais locais dentro da parte das festas organizada desde o propio Concello, cando Vigo é unha cidade que sempre destacou por contar con centos deles, como proba, os moitos que ao longo dos anos fixéronse un oco en espazos musicais recoñecidos internacionalmente, infravalorados en moitos casos na súa propia terra.

No que corresponde á valoración do gasto do erario público, “non se pode obviar o gasto de miles de euros para as promotoras que organizan os concertos na cidade a través de convenios, o que en moitas ocasións resulta deficitario aínda que o concerto estea cheo de xente, cuestión de simple matemática” valora Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, engadindo que “dentro destes convenios, tamén gustaríanos saber que tipo de cláusulas ou condicionantes son os que se asinan para que a participación da figura do Alcalde de Vigo sexa activa en todos eles como se do presentador se tratara”.
Hai que ter moi en conta que gran parte da actividade nas festas en Vigo, á marxe dos concertos xestionados a través das promotoras, é realizada polo tecido asociativo, cubrindo a meirande parte dos eventos nos que participa a veciñanza viguesa, “actividades que non están en absoluto organizadas desde o Concello e que si que contan con gran participación tanto na organización como nas persoas que acoden para o seu lecer” valora positivamente Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal.

Por outra banda, Marga L. Barreiro, concelleira do Grupo Municipal da Marea de Vigo, fai especial fincapé non só no relativo á procedencia dos grupos musicais, senón tamén na presencia e visualización das mulleres nas festas da cidade, explicando que “temos exemplos marabillosos sobre a confluencia de música da casa e música estranxeira; só hai que ver a programación de diferentes vilas e cidades de Galiza; feitas cun gran compoñente de grupos galegos e de mulleres. Mulleres, galegas e músicas habelas hainas; pero non hai vontade por parte deste Concello a visibilizalas nos días grandes de festa en Vigo.”

Mais, o máis grave neste eido, segundo explica Marga L. Barreiro “é a inexistencia dunha campaña de concienciación durante as festas de Vigo que alerte sobre as violencias machistas; principalmente dirixidas ós homes, acompañada dunha vixilancia das forzas de seguridade para que as mulleres desfrutemos dunhas festas sen violencias machistas e sen medo. De sobra é coñecido que nas grandes festas e concertos se dan numerosos casos de violencia machista, como acosos ou agresións sexuais. Non podemos entender como a día de hoxe, no S.XXI, coas noticias que temos todos os días sobre violencia machista, o Concello non fixera nin unha triste campaña dirixida aos mozos e homes para que non agredan ás mulleres durante as nosas festas.”

Para o Grupo Municipal da Marea de Vigo, un bo exemplo e un bo punto de partida para o que considera debe facer o Concello de Vigo en canto á prevención de agresións machistas, é a campaña que se está levando, neste caso durante todo o ano o Concello de Compostela, ou a desenvolvida agora no Concello de A Coruña, co nome de #FestasMaríaPita #SenViolenciasMachistas. Campañas que, xunto cunha mellor organización desde o propio Concello vigués en canto a diversidade musical, potenciando as artistas locais, suporía una substancial mellora das festas da cidade onde se sentiría representada unha parte máis grande da veciñanza viguesa.