marea de vigo insiste en dubidar sobre a idoneidade de dornier para a xestión do estacionamento regulado.

6 de Xuño de 2018

Marea de Vigo insiste en dubidar sobre a idoneidade de Dornier para a Xestión do Estacionamento Regulado.

Xosé Lois Jácome: “A existencia a día de hoxe dun recurso sen resolver perante o TSX por parte doutra empresa aspirante no concurso, a rebaixa de máis dun 30% no contrato e a xa amosada incapacidade técnica por parte de Dornier non fan máis que alertar da problemática que pode chegar a xerar .”

Vigo, 06-06-2018. Nos pasados días anunciábase a sinatura do novo contrato para a Xestión do Estacionamento Regulado (XER) con Dornier, empresa que veu xestionando este servizo dende fai máis de 10 anos, e empresa sobre a que o grupo municipal da Marea de Vigo xa alertou en varias ocasións, comezando polo momento no que a representación sindical do servizo foi ignorada pola Mesa de Contratación ao non dar resposta algunha as súas alegacións. Foi precisamente a representación sindical a que alertaba do que podía supoñer a rebaixa proposta por Dornier, rebaixa coa que acaban de asinar o contrato co Concello de Vigo.

O grupo municipal da Marea de Vigo considera que existe demasiada “tranquilidade e confianza” no goberno municipal ao non cuestionarse o que acontecería de saír adiante o recurso no TSX, xa que a actual concesionaria ten 3 meses a partir da sinatura do contrato para poñer en funcionamento a totalidade do servizo, co seu correspondente investimento. “Actualmente a situación desta contratación está no aire, xa que non se pode obviar a existencia deste recurso. Preguntámonos que ten pensado facer o goberno municipal se o recurso sae adiante despois de que se leve adiante tal investimento económico, de cartos públicos en definitiva” engade X.L. Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Marea de Vigo tamén lémbralle á concesionaria e ao goberno local que, nin o vehículo para o control do estacionamento (o “multa-móbil”) pode ser utilizado para nada máis que para o estacionamento regulado da zona azul, nin poden derivarse recursos do contrato co Concello de Vigo para atender concesións en concellos doutras provincias galegas, tal e como presuntamente puido acontecer xa con esta empresa no pasado período concesional.

“Semella ser unha tónica xeral neste Concello este tipo de dinámicas en materia de contratación pública, dinámicas que poden xerar situacións moi graves, tal e como vimos por exemplo co contrato de Parques e Xardíns, no que se sucedeu un baile de empresas cunhas consecuencias nefastas tanto para a cidadanía que paga eses servizos públicos como para o persoal da empresa, como parece que acontecerá nesta ocasión de non haber cambios, e tras a rebaixa de máis do 30% coa que gañou a empresa adxudicataria” engade Xosé Lois Jácome.