marea de vigo insiste na convocatoria de concurso público para os 500.000 euros de subvención directa para a programación cultural do auditorio mar de vigo

20 de Novembro de 2018

Marea de Vigo insiste na convocatoria de concurso público para os 500.000 euros de subvención directa para a programación cultural do Auditorio Mar de Vigo.

Rubén Pérez: “Xa estando en proceso de rescate do Auditorio, ten aínda menos sentido seguir inxectando 500.000 euros á empresa que era contratada pola UTE xa liquidada”.

Vigo, 20-11-2018. Para o grupo municipal da Marea de Vigo, tal e como ten expresado noutras ocasións, “xa non existían argumentos de peso que xustificaran esa inxección directa de cartos públicos, cando menos agora que non existe a UTE que marcaba dita empresa como receptora. O Auditorio pasa a mans do Concello e polo tanto debe ser este, en réxime de concurso público, quen adxudique eses 500.000 euros” matiza Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Desde o ano 2016, no que xa o grupo municipal da Marea de Vigo, ante a situación de concurso de acredores que presentaba a UTE Auditorio Mar de Vigo, pedía no Pleno a apertura dunha Comisión de Investigación sobre o mesmo Auditorio e os contratos e convenios existentes entre a empresa concesionaria deste e o propio Concello de Vigo, seguiron aparecendo, ano tras ano, volve a aparecer o medio millón de euros nos exercicios orzamentarios, incluído o do ano que vén. “Esta subvención tería que ter cesado hai tempo, mais xa de xeito definitivo no momento no que o xulgado ordena o cese de actividade, ao resolverse o concurso de acredores, mais semella que o goberno do PSOE pretende seguir pagando ese medio millón de euros dun xeito totalmente arbitrario, nesta ocasión xa, desde a propia administración pública” engade Rubén Pérez.

Marea de Vigo considera que a xestión da programación cultural no Auditorio Mar de Vigo debe pasar polos procesos contractuais que lle corresponde, “abrindo a posibilidade de avaliar outros proxectos técnicos para a explotación do espazo, onde o tecido cultural da cidade tamén xogue un importante papel, nun momento ademais no que o propio tecido cultural na nosa cidade está sufrindo unha serie de políticas baseada nas ocorrencias e necesidades publicitarias dun alcalde ” engade Rubén Pérez.