marea de vigo insiste na necesidade de ampliar o servizo de salvamento e socorrismo nos areais vigueses.

17 de Xuño de 2021

Marea de Vigo insiste na necesidade de ampliar o servizo de salvamento e socorrismo nos areais vigueses en coherencia coa ordenanza municipal de praias.

“En abril do 2019 aprobouse no Pleno unha moción da Marea de Vigo neste sentido, na que se pedía a ampliación do servizo conforme reflicte a ordenanza de praias así como a mellora do propio servizo, tras reiteradas demandas do persoal. Dous anos máis tarde, o acordo está sen cumprir” apunta Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Vigo, a 17-06-2021. Ante os recentes anuncios por parte do alcalde, Abel Caballero, Marea de Vigo lembra que “non só é a súa obriga como Goberno local garantir un servizo de salvamento e socorrismo, sendo isto unha competencia municipal, senón que ese servizo tería que darse segundo marca a ordenanza municipal de praias, na que se reflicte que o período no que se deben dar os servizos debe ser dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro” sinala a concelleira. “Polo tanto – detalla Oriana Méndez – , hai unha contradición entre o contrato coa concesionaria e a ordenanza vixente”.

Alén disto, Marea de Vigo tamén reclama unha ampliación de horarios, “non ten sentido que haxa praias onde o servizo só funcione de catro a oito da tarde” engade. A concelleira lémbralle ao Goberno local que “debe atender as demandas do persoal, tal e como lle foron trasladadas a través de varios escritos remitidos ao Goberno local por medio do rexistro do Concello, entre as que están estas ampliacións de horarios e datas que levamos demandando tamén desde a Marea de Vigo nos últimos anos”.

“As praias da nosa cidade reciben cada ano máis persoas usuarias; ademais de vigueses e viguesas, son cada vez máis as e os turistas que enchen as nosas praias durante os meses de verán e iso require un servizo acorde que garanta a seguridade de todas estas persoas” conclúe a concelleira.