marea de vigo insiste na permanencia do museo m.a.r.c.o. como espazo para arte contemporánea.

8 de Xaneiro de 2018

Marea de Vigo insiste na permanencia do museo M.A.R.C.O.  como o espazo para o que foi concibido e non para as improvisacións do Goberno Local do momento.

Xosé Lois Jácome: “Un alcalde non é quen para decidir o futuro dun museo. Está levando ao M.A.R.C.O. o mesmo modelo de xestión autoritaria do Concello, no que se toman as decisións a golpe de anuncio en prensa.”

Para Marea de Vigo, que o VERBUM quede sen contido, que o Museo da Fotografía quede baleiro, ou unha previsible defunción da Pinacoteca do Casco Vello, son síntomas dunha nula política museística impropia dunha gran cidade.
Con anuncios como o do traslado da colección Colmeiro feito nos pasados días por parte do Goberno Municipal, estase a confirmar que o M.A.R.C.O. como lugar destinado para a arte contemporánea ten xa os días contados. “A asunción do padroado e da maioría do orzamento por parte do Concello non é escusa para converter o contedor cultural nun espazo multifuncional para as ocorrencias deste ou de futuros gobernos locais” ,segundo explica o concelleiro Xosé Lois Jácome, “Manuel Colmeiro, ao igual que outros artistas vigueses, debería ter xa un lugar permanente nunhas instalacións museísticas adecuadas e adicadas exclusivamente a eles, non se trata de competir senón de ordenar os espazos e dotalos de contido dun xeito lóxico, sen desmantelar o que claramente funciona, tendo, o museo M.A.R.C.O. o maior número de visitas da nosa cidade”.
Marea de Vigo coincide coas reivindicacións feitas polo tecido cultural e das asociacións de arte contemporánea sobre o que está acontecendo co M.A.R.C.O., ao igual que na crítica sobre a carencia orzamentaria de todas as institucións, a falla de planificación e a ausencia dunha dirección que garanta a independencia do proxecto ante as inxerencias do poder político. “Pedimos que se convoque urxentemente a praza de dirección do museo mediante concurso público, se dote economicamente o necesario e se teñan en conta, por parte do Goberno Municipal, as reivindicacións feitas polo Instituto de Arte Contemporáneo (artistas, galeristas, críticos e comisarios de arte, coleccionistas, profesores, investigadores artísticos así como direccións de museos e centros de arte do conxunto do estado) como ente capacitado no eido da arte contemporánea” engade Xosé Lois Jácome, concelleiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo.