marea de vigo insta ao concello a cumprir os acordos da “declaración de valladolid: compromiso das cidades coa economía circular”.

27 de Xaneiro de 2022

Marea de Vigo insta ao Concello a cumprir os acordos da “Declaración de Valladolid: Compromiso das cidades coa economía circular”.

O voceiro do grupo Municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez, lembra que o 29 de xuño de 2021 a Xunta de Goberno da FEMP aprobou a Declaración de Valladolid, “que pretende un compromiso das cidades pola Economía Circular para cumprir cos obxectivos do Pacto Verde da Unión Europea e do paquete normativo das Directivas de Economía Circular”.

Vigo, 27-01-2022. Marea de Vigo considera que “Vigo está aínda lonxe do cumprimento dos obxectivos marcados en canto a fomento da economía circular, a eficiencia enerxética e especialmente do fomento da mobilidade sostible, a loita contra a contaminacón e o aumento da biodiversidade”, algo que, segundo afirma o voceiro do Grupo, “está claro que ten dubidoso percorrido na proposta de PXOM aprobado inicialmente”.
Marea de Vigo sinala que a aprobación da futura zona de baixas emisións “non debe quedar nun mero trámite de cumprimento do mínimo legal esixible a esta norma e debe aproveitarse para cambiar radicalmente a mobilidade en vehículos privados que a miles entran diariamente no centro da cidade” incide Rubén Pérez.

A Declaración de Valladolid, que ratifica os compromisos adoptados pola anterior Declaración de Sevilla, “vén a formular un conxunto de 16 medidas para promover o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no marco ademais dos efectos provocados pola pandemia da COVID19 e o seu impacto sobre o funcionamento local e a necesidade de promover políticas que contribúan a mellorar o calidade de vidada cidadanía, respondendo non só á situación xerada pola pandemia, senón tamén á loita contra o cambio cambio climático, a promoción da mobilidade sostible, a economía circular e ao equilibrio territorial, deseñando cidades sostibles, saudables, seguras, resilientes e inclusivas” detalla Rubén Pérez.

A Declaración de Sevilla, asinada por 231 Entidades Locais aglutinando a máis de 20 millóns de habitantes, pretende tamén dar implantación aos obxectivos ODS, incluídos na Axenda 2030 pola “Estratexia de Desenvolvemento Sostible e proceso de descarbonización da nosa sociedade”.

Marea de Vigo suliña que a sinatura de esta declaración “debe servir para que no Concello de Vigo se artelle un sistema alternativo e eficiente de recollida de RSU”, aínda que, tal e como trasladou nesta semana, “o cumprimento en materia de sostenibilidade está actualmente amenazado pola unificación nun só lote de todos os servizos públicos de limpeza e recollida selectiva por un importe de máis de 400 millóns de euros sen que a reducción de xeración de residuos esté a repercutirse nunha baixa do recibo do lixo” explica o voceiro.

Do mesmo xeito, a Declaración obriga a impulsar a aplicación da Axenda Urbana Española, integrando a sustentabilidade na ordenación territorial, orientando estas políticas ás áreas urbanas con obxectivos sociais, económicos e ambientais, e impulsando unha planificación urbanística que fomente a compacidade, a rexeneración e resiliencia urbana obxetivos que, a xuizo de Marea de Vigo, “son evidentemente discutibles na proposta de PXOM actualmente deseñado” conclúe o voceiro.