marea de vigo insta ao goberno local a dar continuidade ás peonalizacións e á reformulación das políticas de obra pública cara a unha orientación máis sostible.

12 de Maio de 2020

Marea de Vigo insta ao Goberno local a dar continuidade ás peonalizacións e á reformulación das políticas de obra pública cara a unha orientación máis sostible.

Oriana Méndez: “Esta crise puxo algunhas cuestións en evidencia, como a necesidade de repensar o espazo público. Vimos que era posible o que antes se negaba: unha distribución máis racional e ecolóxica dese espazo”

Vigo, 12-05-2020. O Grupo municipal da Marea de Vigo valora positivamente que se levasen a cabo peonalizacións de numerosas rúas, e insta ao Goberno local a darlle continuidade. Non obstante, tendo en conta a situación actual, cómpre insistir en que “polo feito de estar peonalizados eses espazos, non deben converterse en lugares de aglomeración”, segundo matiza Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
“De cara ao futuro, probablemente, non poida nin teña por que manterse exactamente igual aquilo que foi deseñado para superar unha crise sanitaria, mais si se podería deseñar unha nova normalidade que dea prioridade á mobilidade sostible, comezando polas peonalizacións” engade a concelleira.

Igualmente, Marea de Vigo tamén incide no feito de que “unha mobilidade sostible e ecolóxica sería un proxecto eivado se non se acompaña da protección adecuada e do fomento da masa arbórea na cidade” na liña do denunciado nos pasados días ante a tala masiva no Castro.

Para a Marea de Vigo, “este é o momento de repensar tanto o proxecto de Porta do Sol como o destino final dos 15 millóns de euros dos fondos DUSI ainda non resoltos por parte do Ministerio de Facenda, planificando deste xeito unha mobilidade sostible, máis aló da eventualidade das peonalizacións recentemente executadas” expresa a concelleira.

Marea de Vigo, que xa puxo obxeccións á licitación do túnel na mesa de contratación, seguirá a demandar a paralización da obra e o traballo en alternativas de consenso que prioricen a mobilidade sostible e o transporte público adaptado á realidade do centro histórico da cidade,concordando deste xeito co xa expresado en reiteradas ocasións pola Asociación Vigo Histórico.