marea de vigo insta ao goberno local a incluír a vigo dentro do dispositivo de acollida das persoas refuxiadas afganas.

15 de Outubro de 2021

Marea de Vigo insta ao Goberno local a incluír a Vigo dentro do dispositivo de acollida das persoas refuxiadas afganas.

Oriana Méndez: “Vigo debe responder ao chamamento feito polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións xunto coa FEMP, cuxa presidencia ostenta Abel Caballero”.

Marea de Vigo pide que se declare ao municipio vigués lugar de acollida de migrantes afganos/as, rompendo así coa dinámica actual do Goberno local, considerdo por amplos sectores políticos e sociais da cidade como “insuficiente no ámbito da solidariedade coas persoas refuxiadas”.

Vigo, 15-10-2021. Esta semana, a FEMP, xunto ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións asinou unha carta que foi dirixida a todos os alcaldes e alcaldesas dos municipios de máis de 20.000 habitantes solicitando a participación destes no programa de acollida ás ducias de familias afganas que chegarán a España nas vindeiras semanas. “É agora, nestes momentos e sen demora, cando o Concello ten a ocasión de amosar o seu compromiso real e de poñer en valor a presidencia de Abel Caballero na FEMP, declarando Vigo como cidade refuxio – sinala Oriana Méndez -. Cómpre por tanto reaccionar axiña baixo o principio de solidariedade ante o risco que padecen miles de persoas en Afganistán, especialmente mulleres e nenas, as máis ameazadas pola brutalidade fundamentalista do réxime talibán”.

Na carta enviada ás alcaldías, pídese aos municipios poñer vivendas a disposición do programa, que será financiado na súa totalidade polo propio Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. “O Goberno local debe contribuír a protexer ás familias e, moi especialmente, ás mulleres e menores que precisan desesperadamente refuxio e seguridade, buscando urxentemente esas vivendas na nosa cidade” engade a concelleira.

Marea de Vigo considera que o Concello de Vigo, principal cidade de Galicia en termos de poboación e económicos, “debe expresar a súa disposición a dar cabida a unha porcentaxe xusta de persoas refuxiadas e a respectar os principios de solidariedade e xenerosidade, como deberían facer todas as cidades e todos os países da Unión Europea” conclúe Oriana Méndez.