marea de vigo insta ao goberno local a reclamarlle á consellería de educación da xunta de galicia que renuncie aos recortes educativos e fortaleza o ensino público.

24 de Agosto de 2021

Marea de Vigo insta ao Goberno local a reclamarlle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que renuncie aos recortes educativos e fortaleza o Ensino Público.

As principais ANPAs de Galicia e os sindicatos están advertindo dun recorte sen precedentes por parte da Consellería de Educación para o vindeiro curso. “Na práctica, implicaría a perda de máis de 430 docentes en Secundaria, así como a redución de 109 unidades e uns 150 mestres e mestras en Primaria” sinala Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.

Vigo, 24-08-2021. Os reforzos de profesorado que se conseguiron no curso 2020/2021 por mor da pandemia para manter as distancias de seguridade e os grupos burbulla “supuxeron unha importante mellora no rendemento do alumnado – apunta a concelleira – . Aínda coas dificultades da situación, o desdobramento e a redución de ratios nas aulas beneficiou o proceso de ensino-aprendizaxe”.

Non obstante, segundo sinala Oriana Méndez, a Xunta de Galicia “volve desvelar a súa verdadeira motivación: recortar o gasto en profesorado, eliminar aulas, liñas ou colexios enteiros da Educación Pública. A Xunta segue renunciando á educación como factor de convivencia esencial para unha sociedade con futuro” matiza.

Para Marea de Vigo, os datos trasladados aos centros educativos revelan recortes en todos os niveis educativos con respecto “non só ao curso pasado, senón incluso en comparación co ano 2019. É dicir: a Xunta de Galicia pretende volver á senda privatizadora de 2019, ano anterior á presenza da covid” suliña a concelleira.

Dende a Marea de Vigo “solicitamos o compromiso explícito do Concello de Vigo como principal cidade de Galicia que conta cun alto índice de poboación en idade escolar. O Concello de Vigo ten que comprometerse coa comunidade educativa viguesa e convocar o Consello Municipal de Educación” destaca Oriana Méndez. Para Marea de Vigo, “é fundamental que o principal concello de Galicia erga a voz e lle esixa á Concellería de Educación da Xunta de Galicia un cambio de rumbo e investimento nun Ensino Público forte e de calidade” conclúe a concelleira.