marea de vigo lamenta a absoluta falla de tutela e control do concello sobre as condicións laborais nas concesionarias municipais.

14 de Marzo de 2022

Marea de Vigo lamenta a absoluta falla de tutela e control do Concello sobre as condicións laborais nas concesionarias municipais.

Rubén Pérez: “A situación de ‘salvaxismo laboral’ está a cronificarse en varias concesións municipais, onde nin se están a cubrir baixas, nin vacacións, e mesmo non se cubren as horas de servizo que figuran nos pregos”.

Marea de Vigo reitera a extrema urxencia de poñer couto a este tipo de incumprimentos en materia laboral que despregan concesionarias privadas de todo tipo, cunha ausencia de fiscalización municipal pero tamén agravado polo feito de que tanto nesta lexislatura como na anterior “asistimos a unha negativa permanente do grupo de Goberno a constituír a Comisión de Seguimento da Contratación Pública, Comisión Informativa obrigatoria segundo o Regulamento Orgánico do Pleno” sinala Rubén Pérez.

Vigo, 14-03-2022. O voceiro do grupo municipal de Marea de Vigo, Rubén Pérez, mantivo hoxe unha xuntanza co Comité de Empresa da concesionaria do Servizo de Limpeza de dependencias municipais, na que trasladaron o permanente bloqueo da empresa concesionaria no proceso de negociación do novo convenio colectivo así como os sucesivos incumprimentos dos pregos concesionais en materia laboral.

Marea de Vigo afirma que algunhas situacións son “particularmente preocupantes”, poñendo como exemplo as reiteradadas denuncias sindicais de incumprimentos laborais no contrato de limpeza de colexios, ou “o pretendido anuncio do grupo Avanza, que xestiona a través de Vitrasa o transporte colectivo de pasaxeiros, de solicitar un descolgue salarial”afirma Pérez; e, recentemente, a entrada dun centro especial de emprego a xestionar a apertura e peche de 15 pavillóns municipais “con prácticas cando menos discutibles de relación laboral co cadro de persoal e con ausencia total de requisitos de adaptación de postos aos que están obrigados estas tipoloxías de centros de emprego” engade o voceiro.

Fronte a esta reiteración de incumprimentos, Marea de Vigo chegou a solicitar, mediante unha moción ao Pleno, a constitución dunha Comisión Especial de Investigación “ante a evidencia da falla de control e de vontade de facer un seguimento exhaustivo sobre a calidade do traballo que xeran as contratas, sobre as contratacións nas mesmas, sobre contratos menores, sobre investimentos, etc.” matiza o voceiro. Marea de Vigo tamén propuxo a creación dun OBSERVATORIO DA CONTRATACIÓN PÚBLICA para a vixiancia tanto dos cumprimentos dos pregos das concesionarias de servicios públicos como da calidade e cumprimento de convenios e lexislación laboral dos contratos de traballo que se formalicen.

“Ningunha proposta foi tida en conta e seguimos asistindo ao silencio administrativo do equipo de Goberno ante a solicitude de comités e representantes de traballadoras e traballadores, escritos de grupos municipais como o da Marea de Vigo denunciando a situación ou mesmo sentenzas xudiciais en materia laboral que poñen en solfa as prácticas de concesionarias municipais consentidas de xeito tácito polo Goberno de Abel Caballero”.